6 razóns para ir ao festival Sereas & Piratas 2015 na praia de Razo

sereasepiratasUnha das cousas que máis nos gustan do verán e a profusión de festivais musicais pola xeografía galega (e, consecuentemente, a cantidade de plans interesantes que se lle presentan a un cada fin de semana). Porque si, pode que xa esteamos cansos de macrofestivais, de ver aos mesmos grupos todos os anos ou (e sobre todo) de gastar cartos euros coma se fósemos millonarios.

Pero iso non nos fai esquecer o encanto dos festivais feitos con amor e por iso para este sábado propoñémosche unha cita na praia de Razo (Carballo): o festival Sereas & Piratas, que este ano cumpre a súa décima edición. Aínda que xa creceu algo -bastante- desde que comezou como un pequeno concerto entre amigos, segue a destacar polo seu espírito acolledor. E non só por iso!

Queres saber 6 razóns polas que debes ir ao festival Sereas & Piratas mañá, 11 de xullo?

1. A praia

Que mellor plan para un día de calor verán que pasar o día na praia? E non nunha calquera: na de Razo, con máis de 5 km a mar aberto e con bandeira azul pola súa calidade. Se ademais non es da zona, podes aproveitar o desprazamento para visitar  a fondo o espazo natural de Razo-Baldao, un complexo de arredor de 1000 hectáreas con dunas, marismas e acantilados. O que se di un marco incomparable.

2. O cartel

Pero non deixemos que a paisaxe nos desconcentre do verdadeiramente importante: a música. O cartel deste ano inclúe, coma sempre, bandas emerxentes galegas, pero tamén outras xa consolidadas a nivel estatal. Así, poderás escoitar a Chicharrón (unha das sensacións do panorama musical galego) Puma Pumku, Bigott (como único concerto en Galicia), Los Punsetes, os míticos Aerolíneas Federales, ou Júpiter Lion (acabados de chegar do Sónar e do BBK). O fin de festa correrá a cargo dos dj Cheese and Bacon.

3. O surf

A praia de Razo é ideal para a práctica de surf (e destino habitual de surfistas) e no festival Sereas & Piratas saben sacarlle partido. Como? Organizando o Campionato de Surf Single Fin (unha modalidade retro cunha soa quilla) onde shapers locais deixarán probar as súas táboas, ou montando o primeiro mercado de surf en Galicia.

4. Máis que música (e surf)

Pero isto non é todo! Tamén haberá outras citas deportivas, como o IV Campionato de volei-praia ou un campionato de longskate; sesión vermú con música (da man do tecno-pop oitentero de Alex Casanova) e arroz, obradoiros para nenos ou unha quedada  de motos retro saídas da Coruña.

5. Horario para toda a familia

O festival dura toda a xornada polo que hai propostas “de día” e “de noite”. Unha boa oportunidade para os que queiran acudir con nenos pola mañá ás actividades deportivas, aos obradoiros ou a sesión vermú ás 14h. A partir das 21h, xa en recinto pechado, terán lugar os concertos.

6. O prezo

Os eventos de día son de balde, simplemente terás que achegarte ata a praia para poder gozar deles. En canto aos concertos da noite, teñen un módico prezo de 15 euros (12 con entrada anticipada) e xa inclúe dereito a acampada.

 

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *