Atopa as mellores novas apps con Product Hunt

Product Hunt

Imaxina unha páxina web na que cada día unha serie de expertos recomendan as mellores aplicacións móbiles ou programas que acaban de saír ao mercado. Que logo a comunidade vota para establecer unha clasificación entre o que é cool e o que non. Imaxina que esa web é tan influínte que todo o mundo en Silicon Valley ten postos os seus ollos nela, desde CEOs de grandes compañías a inversores de capital risco de todas as firmas, ata os xornalistas tecnolóxicos dos medios máis importantes. Ben, esa web existe e chámase Product Hunt.

Es desas persoas ás que lles gusta estar á última en canto a tecnoloxía? Adoras descubrir novas ferramentas que che fagan a vida máis doada? Es un cuñado que ten que alardear do último no vindeiro xantar familiar? Se encaixas en calquera destas categorías ou simplemente es unha persoa curiosa, esta plataforma é para ti. Porque aínda que Product Hunt está principalmente orientada ao público norteamericano (ou directamente de Silicon Valley), pódense descubrir algunhas xoias a diario que pagan a pena.

Para atopar novas apps, simplemente tes que entrar na súa web principal (ou na súa app móbil) e verás o listado das máis destacadas do día (e cada día é unha lista nova!), aínda que se cres que isto é un traballo moi laborioso, podes apuntarte á newsletter diaria ou semanal, e che enviarán ao correo o listado co mellor do mellor. Pero ademais, e aquí é onde se pon máis interesante, permite á xente crear coleccións de apps sobre diversos temas. Pon unha palabra no buscador e comeza a atopar material para engancharte.

Apps fenomenais para viaxar (máis alá das típicas), apps para vivir máis a fondo o universo de Xogo de Tronos, apps para descubrir música nova, ata recompilacións de webs para que che envíen café, viño ou cervexa periodicamente á casa (creo que disto fan falta máis cousas aquí, un Amazon dos furanchos). A plataforma xa ten un par de anos, co que a cantidade de información que podes atopar aí é enorme. Pero o importante sempre vai a ser a lista diaria, a que toda empresa nova ou veterana cun novo produto soña con encabezar.

Ser top en Product Hunt tradúcese en moitas ocasións nun ascenso enorme de tráfico de usuarios e novos clientes para os servizos que aparecen alí. Cada mes, 3,5 millóns de visitas chegan a outras páxinas web a través de Product Hunt… un caramelo difícil de rexeitar. Se en lugar de ser un curioso, es un creador que aspira a que o seu produto sexa destacado aí, o camiño é algo máis complicado, xa que só unha serie de usuarios previamente autorizados teñen permiso para engadir novos items ás listas… iso si, se a app é boa, non terás problemas en chegar despois de algún que outro mensaxe.

Tes atopado algunha app ultimamente que pague moito a pena? Igual en Silicon Valley non vos escoitan, pero aquí recibimos encantados vosas recomendacións nos comentarios!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *