Sónar 2015: os 10 artistas que non nos perderemos

sonar2014*Colaboración de Sabela Correa

Si, si, si! Este ano estaremos no Sónar! O festival de Música Avanzada e Arte Multimedia de Barcelona está dividido en Sónar de día e Sónar de noite con dúas localizacións diferentes (Montjüic e Fira de Gran Vía), e a programación é tan ampla que as propostas de día e de noite son como dous festivais paralelos. Unha das cousas que máis nos gustan do Festival é a coidadísima imaxe da suas edicións, que nunca defraudan, este ano vai de xemelgos! Estes son os artistas que non nos perderemos:

1. FKA Twigs

Non é que se prodigue moito pola Península, pero xa tivemos algunha ocasión para ver a esta rapaza convertida xa en superestrela do pop que canta, compón, baila e dirixe videoclips. Unha artista total que ofrece unha refrescante lección de r&b contemporáneo. Cen por cen actitude. Se aínda hai algún despistado, bulide!

2. Hot Chip

Somos super fans! Fan videoclips moi divertidos e ademais cúrranse moito o seus directos, que son infalibles. Podes velos unha e outra vez, que sempre  ofrecen unha nova reinterpretación dos seus temas… e dos alleos. Para sempre quedará aquela superversión que fixeran do She wolf de Shakira. Por este e outros motivos, si a Hot Chip!

3. Róisín Murphy

A diva indiscutible da electrónica, e icono de estilo, está de volta. A raíña disco dá leccións de glamour e carisma no escenario. Pouco máis hai que engadir do regreso da que fora a cantante de Moloko, tras oito anos de silencio.

4. Owen Pallett

Owen Pallett é o nome do marabilloso e virtuoso home que estaba detrás daquel pseudónimo con nome de videoxogo, Final Fantasy, e que colabora de xeito habitual como violinista de Arcade Fire, cos que compuxo a banda sonora de ‘Her’, de Spike Jonze. En realidade é responsable dun dos mellores discos do 2014, ‘In conflict’, e de lonxe, o mellor concerto ao que asistín o ano pasado.

5. Arca

O novísimo productor venezonalo, que está en boca de todos, xa traballou coa propia Björk ou a citada FKA Twigs. Nesta ocasión vén acompañado do seu amigo Jesse Kanda, artista visual que é responsable das proxeccións.

6. Bomba Estéreo

De Colombia chega esta fantástica proposta que fusiona dun xeito moi natural tradición latina con pop electrónico, como se fose o máis normal do mundo. Contan ademais no escenario co indiscutible carisma da súa cantante Liliana Saumet.

7. Die Antwoord

Os malotes do festival e as súas grandes estrelas. No ano 2010, ao mesmo tempo que España gañaba o Mundial de fútbol, escoitabamos desde Sudáfrica para o mundo aos Die Antwoord (“a resposta” en afrikaans). A medio camiño entre o arty e a parodia con estética trash, ofrecen electrónica ben bruta con hip hop, coa voz de Ninja e con coros de YoLandi, unha especie de choni reconvertida en alien con voz de pitufina.

8. Kiasmos

Seguimos moi de preto todo o que edita Erased tapes. Kiasmos é un super dúo formado polo islandés Ólafur Arnalds e  o nórdico Janus Rasmussen.

9. Jamie xx

Jamie xx é un tercio dos XX, ese grupo de pop electrónico con tintes escuros que cantan case susurrando. En gran parte responsable do son do grupo,  iniciou a súa carreira en solitario facendo remezclas, xusto despois do debut da banda.

10. Cabo San Roque

Cabo San Roque constrúen as súas propias máquinas musicais e investigan sobre como xerar sons a través de procesos automáticos e mecánicos, para o que poden empregar calquera obxecto: latas, peines, parafusos…. Levan xa dez anos de andaina!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *