Brinner: a última moda é almorzar na cea (viva!!!)

almorzo

Se coma min es da xente que pensa que non hai nada mellor que unhas boas torradas (acabo de descubrir o encanto da marmelada de laranxa doce) e unha cunca de leite (e Nesquik, pero iso é un debate para outro día) para rematar o día, posiblemente acabarás dando chimpos de alegría cando acabes de ler esta noticia, como eu acabei facendo (metaforicamente) cando descubrín cal era a nova moda que está creando un boom nos Estados Unidos. Esquecede o brunch, esquecede o drunch… porque chegou a hora do brinner.

Que é o brinner? O brinner é a mestura de breakfast e dinner, isto é, almorzo e cea e tamén a última gran moda que os americanos están facendo famosa, que os foodies están loando cal palmeiros entregados e que as famosas están cumprindo con entusiasmo. A idea mola e á xente non lle custa lanzarse a probala. Segundo unha enquisa de Krusteaz, unha empresa que fai aparatos para facer tortitas, o 91% dos estadounidenses cea nalgún momento o que sería un almorzo (e un 56% faino polo menos unha vez ao mes). Xa sexa porque é un xeito de rachar coa rutina, porque non da tanto traballo como unha cea das de ‘verdade’ ou porque a moda tira moito polos hábitos, os consumidores proban este formato por razóns diversas.

En Estados Unidos, xa existían restaurantes nos que era posible tomar un almorzo en calquera momento, como lembran no artigo no que dan conta do salto da tendencia a Reino Unido, pero agora a idea está non só saíndo dese país (en Londres está ese bar no que podes tomar cereais a calquera hora) senón tamén conseguindo o verniz do cool. E, ademais, a tendencia xa tomou o asalto de Instagram ou Pinterest, onde é posible encontrar posiblemente milleiros de fotos de food-porn (ou aspirantes a iso) de brinner.

Que é o que podes tomar no brinner? A enciclopedia das tendencias para a comida que é Pinterest di que o axeitado son gofres, pratos a partir de ovos, tortitas, croissants salgados, doces, bacon (xa sabemos que o touciño entrefebrado é un must do almorzos salgados e sobre todo de internet), crepes e similares. Nós engadiríamos que podedes pasar o que habitualmente tomades para almorzar (cando o facedes con calma e entusiasmo) para a hora da cea.

O bo do boom do brinner non é só que agora teñas argumentos para tomar o almorzo cando realmente che veña en gana senón que ademais os restaurantes empezarán (e están empezando xa en EEUU e en Reino Unido) a servir estes pratos para que os comensais con gustos modernos estean contentos. Polo momento, non sabemos de ninguén que ofreza brinner en Galicia (aínda que en Santiago hai un bar que promete dar almorzos todo o día: son xente de brinner avant la lettre?)  pero todo se andará. A moda xa comezou e só falta o derradeiro empuxón para importala.

Foto Pexels

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *