4 plans para a ponte

libro

Bendición! Mañá é festivo!! E como todo o mundo sabe non hai nada máis emocionante que un día festivo. Sobre todo se cae nun venres e permite facer unha ponte. E como toda ponte posible, a que nos queda por diante é unha estupenda escusa para facer emocionantes plans. Partindo dos básicos da xornada (xa sabedes, escapar a Portugal, un must dos días festivos galegos, ou manifestarse/reflexionar sobre a realidade do mundo laboral, que para algo é o festivo que é), estas son unhas cantas recomendacións para encher os días de asueto que veñen.

Festa da Primavera. Xa é posiblemente unha das citas tradicionais en Santiago. O Barrio de San Pedro organiza un ano máis a Festa da Primavera, na que os comerciantes da zona (e medio Santiago unha hora e o outro medio Santiago na seguinte: realmente é unha festa moi popular) saen á rúa. Hai postos de todo tipo e con toda clase de produtos (xa sabedes que San Pedro é o barrio moderno de Santiago).  Será o dous de maio.

Exposición sobre a historia dos elementos de oficina. Ferrol acolle no centro Torrente Ballester unha exposición que promete bastante interesante, O deseño na oficina no século XX. Da máquina de escribir ao ordenador persoal. Permite seguir como evolucionaron as máquinas de escribir (con exemplares da Colección Sirvent) acompañadas por outros elementos de oficina e tamén pósters, fotografías e carteis da publicidade relacionada con estes produtos.

Festas gastronómicas. Esquecede o de en maio aínda a vella queima o tallo. En maio nin vellas nin tallos: o que marca este mes é que empeza (de verdade, non como nos tímidos intentos dos meses anteriores) o frenesí das festas gastronómicas, ese clásico galego do verán que fai que non podas cambiar de concello sen tropezar cunha exaltación de algo (o pan, o mel, o que se che ocorra que se poda comer). Nesta ponte hai, só por dicir unhas cantas, a da troita en Pontenova, a da filloa en Cospeito ou a da fabada en Marcón. Calquera delas serán unha opción estupenda para comulgar coas túas raíces.

Le un libro. Unha ponte é o mellor momento para ler algún deses libros case infinitos que sempre deixas pendente porque os seus 20 millóns de páxinas fan que a) non o podas levar contigo a todas partes, b) (pero se eu teño un ereader!!) che dea unha preguiza infinita comezar a lelo ou c) como non podes facer maratóns de lectura comeces a pensar que non avanzarás nunca. Tres días de lectura intensiva permiten acabar con todos eses problemas. É o momento de que te sentes por fin a ler o Ulises.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *