Manual de comportamento en festas históricas

festa-da-historia

Galiza é un eido sementado de festas históricas. Quen mellor que vostede para facer a colleita? Iso si, cómpre ter un manual de como comportarse en tan magnos eventos.

A vestimenta. Difícil elección. As festas históricas abarcan grandes períodos: desde a festa da prehistoria en Mos ata a Reconquista de Vigo (século XIX). Imos ter un traxe para cada evento? Complicado. O máis sinxelo é ter un só, pero cal? Propoñémoslle que escolla un disfrace medieval, a medio camiño de todas as épocas das festas. Na Festa da Istoria? Aló vai. Na Arribada? Aló vai. No Arde Lucus? Eeeee, aló vai entre todos os que fan o mesmo ca ti. Na Reconquista? Dis que vas de… disimule e aguante os improperios. Tamén propoñemos ir de Batman, Wally ou, en caso de necesidade, coller a saia do colexio de monxas da irmá pequena e Willian Wallace sempre é un recurso… é histórico!!

Accesorios. É totalmente obrigatorio levar un can e un carriño de bebé. Cando un chega á festa, ten que dirixirse sempre ao lugar con máis xente. E ir xusto ao centro. Empurre o carriño deixando recordos en todas as dedas que atope no camiño, mentres arrastra ao pobre can. A angustia do can é finxida. É un feito probado que nas aglomeracións os cans gozan. Unha vez no centro da festa, deixe o carriño onde máis moleste, cheo das cazadoras e bolsos do grupo. Como ben ten notado, non falamos aínda de meniños. No caso de non ter, leve o carro igual, no caso de telos, aplíquelles os mesmos termos co que nos referimos aos cans.

Alimentación. Hai que facer unha abundante inxesta da comida oficial destas festas: o choripán. Ten que probarse o xénero de todos os postos sen excepción. Permítese probar outras viandas, pero sempre ao modo da mazá nas catas de viño: para non mesturar sabores dos choripáns de distintos postos. Ao remate da cata extrema de choripáns, ten que tomar sobremesa: a filloa. É sinxelo de atopar onde as venden: busque un cartel en galego que diga “Crêpes”

Bebida. Aquí permítese liberdade na inxesta, con dúas condicións: a primeira que ten que ser moita e diversa; a segunda que o tramo final ten que incluír licor café quente. Doutro xeito non se considera que un asistise á festa. É aconsellable que despois de facer cola para a bebida un colla varias bebidas e ingrese de novo nesa ou noutra cola. A bebida extra é para amenizar a estancia na nova cola.

Interacción coa poboación festeira. Neste campo é importante ter claro o protocolo. Primeiro é obrigatorio que con cada persoa que un se cruce se lle de unha aperta ao grito de “festaza, carallo!” e facer que o outro ula o alento a choripán. E se un se cruza cun grupo composto de gaiteiros, pandereteiros e percusión hai dous actos imprescindibles:
– ir xunto o gaiteiro e gritarlle ao oído “Ghei carballeira!” para a continuación sacar o móbil e facerse un selfie deses, mentres o gaiteiro sopra. Poderá notar na foto a mirada de intensidade artística. Non é odio, é arte. Fáganos caso. Xusto cando remate a peza, diga mentres lle pasa o brazo por riba: “Carlos Núñez!! Ti non matas formigas co pé, non sabes tocar, ou que?”
– arrebatarlle o mazo do bombo á persoa encargada da percusión e darlle ao bombo como se fose o cu do veciño de arriba cando baixa a persiana as cinco da mañá ao grito de “celta celta” ou “depor depor”, segundo corresponda.

Despedida e peche. Un non pode marchar sen facer antes dúas cousas: ouriñar e vomitar na rúa. É como o eruto nas sociedades árabes. Se non se fai, ao alcalde e aos veciños do lugar igual lles senta mal.

Foto | Alquiler de coches

Shares

Etiquetas

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *