5 blogs de moda para reconciliarse co street style

Quizais houbo un tempo no que procrastinabas vendo blogs de moda. Parecían daquela algo fresco, diferente das aburridas fotos de moda de campañas e desfiles. Podían inspirarte para o teu día a día. O street style estaba en pleno auxe.

Iso foi antes da súa caída, claro, de que os blogs de moda crecesen como setas, e de que cada nena decidise compartir co mundo as súas fotos poñendo morriños. Antes de converterse en algo aínda máis aburrido e clónico que as fotos de campañas e desfiles. Non sorprenderei a ninguén se digo que, mesmo se segue a haber blogs de street style clásicos s dignos, o concepto é xa a cousa menos cool que hai.

Por iso propoño hoxe desquitarnos con cinco espazos de moda onde non só atoparás postadolescentes gustándose.

1. Advanced style

advanced style

Do Sartorialist da terceira idade xa falamos hai uns anos en Disquecool, pero segue a parecernos un must. Mulleres e homes nos seus 70 (e 80, e ata 90) ensínannos un estilo moito máis libre. Foi un blog precursor pero que segue a manter o nivel agora que é xa máis habitual atopar webs de moda centradas nos maiores (ten moito exito tamén Fashion Grandpas).

2. Pari Ehsan

PARIDUST

A priori podería parecernos un egoblog máis tradicional se non fose porque a deseñadora Pari Ehsan non só combina as prendas entre si, tamén coa obra de arte diante da que posa, e o resultado é hipnótico (e vemos moda e arte polo prezo de un).

3. Louis Philippe de Gagoue

louis

O blogueiro marroquí Louis Philippe de Gagoue causa sensación polo uso das cores, polo seu estilo hiperaccesorizado e por propor unha tradición estética que dista das dos blogs máis habituais (europeos ou americanos). Iso e que no seu blog se coan unhas fotos de paisaxes marroquís (con el diante, iso si), impresionantes.

4. Style clicker

style-clicker

Style clicker, pola contra, é un blog de street style que se centra no estilo alemán. Fotografan xente (cun estilo peculiar) de Munich e aínda se nota que poñen o acento na relación entre moda e personalidade, aínda que pasaron por etapas moi distintas. E pódese atopar algunha que outra foto de sandalias con calcetíns!

5. Pokemon x fashion

pokefashion

Este blog é unha cousa moi rara, tanto, que un non sabe ben como definilo. Basicamente, trátase de mesturar moda e pokemons, por exemplo engadindo esas criaturas nas fotos de campañas de moda de grandes firmas.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *