A nova fascinación da cultura pop: sexo, drogas e… música clásica

cityballet

Sempre houbo distincións: estaban a música pop e a música clásica, e todos temos moi claro cal dos mundos é máis accesible. A elite das grandes orquestras sinfónicas, das historias en óperas e ballets, está no imaxinario popular dos últimos dous séculos formada por eruditos e snobs, por xente vestida de gala, con prismáticos en miniatura, con cartos non só para asistir aos espectáculos en boas butacas, senón tamén para ter todo o tempo que esixe o estudo das composicións dos grandes clásicos. Como aficionado sempre estás a tempo de poñerte ao día, pero é a xente que se adica a eses mundos? Non podes empezar a tocar o violín aos 30 anos e esperar ser un virtuoso algún día, e moito menos lanzarte ao ballet pasados os 12 esperando bailar algún día nos mellores teatros do mundo.

É tan difícil entrar nese universo de músicos e bailaríns clásicos, é un lugar tan selecto e endogámico, que os que estamos fóra, os vulgares integrantes da chamada cultura pop, sentimos sempre certa fascinación polo que podería pasar aí dentro. Quizais polo rancor e pola envexa decidimos correr a voz de que levaban vidas aburridas, sen as paixóns autodestrutivas do rock, pero de cando en vez chegaban novas aos medios xeneralistas que o desmentían todo. Como cando hai un par de anos Serguéi Filin, director artístico do ballet do teatro Bolshói de Moscú, sufría un atentado na porta da súa casa: botáronlle ácido na cara e quedou cego. O instigador? Un dos bailaríns solistas. O mundo clásico, tan esixente e competitivo, está cheo de historias turbias de ciumes, envexas, ataques e asasinatos. Como non ía a querer a cultura pop ocuparse del?

Nos últimos anos o único que víramos fora ‘Black Swan’ e, salvo algunha serie demasiado suave e lonxe da oscuridade como foi ‘Bunheads’, parecía que a cousa quedara aí. Pero agora mesmo a cousa é moi distinta: temos unha webserie documental (desde finais de 2013), unha serie de Amazon sobre unha orquestra, e outra serie, esta de Starz, sobre o ballet en preparación.

Se queremos ser cronolóxicos e un pouco demagóxicos, poderíamos agradecerlle a Sarah Jessica Parker esta nova moda de intentar ver que pasa nos mundos clásicos. A actriz, membro da xunta de accionistas do Ballet de Nova York, impulsou a finais de 2013 unha serie documental sobre a compañía, centrándose na vida dos bailaríns en todos os seus aspectos. Episodios de entre 6 e 8 minutos nos que vemos como entran na compañía, como ascenden (ou non), cales son as súas aspiracións, frustracións, como aguantan ese ritmo infernal e como é o de ter relacións dentro (e fóra) da compañía. Podes ver as dúas temporadas que hai de momento en AOL. Ah, e chámase ‘city.ballet’!

Despois está a serie que estreou a finais de decembro Amazon Studios e que se centra no mundo da música clásica: ‘Mozart in the Jungle’. Neste caso falamos dunha comedia que conta como afecta á Filarmónica de Nova York a chegada dun novo e excéntrico director, interpretado por un divertido Gabriel García Bernal (ten que ser xenial poder facer un papel así). Vemos ese choque entre a tradición e a novidade, como é estar nunha orquestra, as relacións entre os músicos, a competitividade e o elitismo, ademais da súa vida diaria. Está baseada nun libro do mesmo título que escribiu un músico clásico con experiencia en todos estes ambientes, aínda que da serie din que en realidade non reflicte a vida real dunha filarmónica.

Por último, ‘Flesh and Bone’, de Starz, unha serie de dez episodios (non terá máis) que recolle a testemuña soltada por ‘Black Swan’ e quere contarnos todo ese lado escuro do mundo do ballet: seguiremos a unha bailarina “cun pasado problemático” na súa chegada a unha prestixiosa compañía de Nova York. E veremos todo o peor deste universo: as tendencias autodestrutivas, os ciumes, os odios, envexas, competencias e o pouco glamour que queda cando os tutús se gardan no armario.

Creacións perfectas para desfrutar na casa tranquilo, cunha copa de viño (é o que hai que beber se escoitas música clásica, non?) e pensando en que igual non está tan mal levar esta vida mediocre e aburrida. Ver pés cheos de tiritas ou a unha chelista inxectando na man unha droga para paliar a dor dunha tendinite fai que valoremos moito máis a torpeza e falta de oído que nos impediron ter unha carreira no mundo da ballet e a música clásica.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *