Domestic Data Streamers: como os datos serven para facer arte

Posiblemente algúns de vós xa o saberedes. E os que non o sabedes teredes os ollos un pouco máis abertos a partir de agora. A riqueza do século XXI virá marcada por quen ten os datos. As empresas intentan saber moito e moito máis sobre nós, acumulan información e saben que mercas, cando les os libros, ata onde os les, a que horas perdes o tempo en Buzzfeed e ata o que pensas de verdade sobre o amor. Os produtos están cada vez máis orientados a quen es e o que as empresas saben de ti. A publicidade que ves en internet está a maior parte das veces posicionada no teu navegador porque as empresas cruzaron unha morea de bases de datos e descubriron que es como es e que iso che vai interesar. E ata as empresas de tarxetas de crédito saben cantas posibilidades hai que pagues ou non o crédito que che dan baseándose en múltiples variables que descubriron gracias, como non, aos datos. É o que se chama o big data. (E é o termo que está de moda no mundo dos negocios).

Pero están os datos simplemente perdidos? É dicir, é posible atoparlles unha ocupación que pareza menos fría, menos mercantilista? Pódese sacar dos datos algo que non sexa negocio? Poden ser os datos unha base para a poética?

Pois o certo é que si: os datos tamén poden ser unha fórmula para facer arte e conseguir así que esquezas que a información é hoxe unha moeda e lembres que pode ser moito máis que iso e moito máis transcendente. Tamén é a materia prima para arte de vangarda.

É o que fan en Domestic Data Streamers, unha proposta moi sorprendente que consegue facer da información, do que podemos dicir, cousas sorprendentes. As estatísticas mutan en fluxos de cores para dar os resultados dunha votación, en globos que ocupan museos para mostrar cando queremos morrer ou en comida de cores que fala sobre a vida amorosa (e si, converteron en xelatina de cores – e comestible – datos sobre unha enquisa sobre orgasmos).

xelatina datos

A cuestión é que os datos non só permiten que as empresas saiban moitas cousas sobre nós, tamén posibilitan que nós mesmos saibamos moitas cousas sobre como somos e que queremos. “Os datos cambian o modo no que vemos o mundo”, apuntan os de Domestic Data Streamers. “Podemos aprender máis sobre nós e sobre a natureza que nos rodea do que nunca antes na historia da Humanidade, pero precisamos de novas ferramentas que nos permitan traducir esa información nunha linguaxe universal”. No fondo é como se nós, os donos da información, tivésemos que reposicionarnos diante dela e reconquistala. E que mellor maneira para facelo que mediante unha instalación artística?

As instalacións permiten, por tanto, traducir os datos a algo que máis ou menos coñecemos e a algo que podemos ver, apreciar e gozar (de feito, este xeito de converter os datos noutra cousa ten unha certa capacidade de fascinación, como se o que estivésemos a ver non fose cousa de tecnoloxía e interpretación senón máis ben de maxia).

E aínda que as obras de Domestic Data Streamers teñen viaxado polo mundo (xa sabedes, de Barcelona a Doha e así, que é o que toca no mundo da arte contemporánea), a súa próxima obra tocará bastante preto.

Unha das próximas intervencións de Domestic Data Streamers será en Santiago, na Cidade da Cultura, onde intentarán converter o que pensamos sobre a moda e a nosa relación con ela nunha obra de arte baseada en datos (e por tanto precisan da nosa información, dos nosos datos, para construíla: só hai por tanto que darllos). A instalación, The Balance of Fabric, será entre os próximos días 22 e 23 de xaneiro (este xoves de 17.00 a 21.00 horas e este venres de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas) e servirá como invitación á reflexión lanzada por Latitude, unha empresa que acaba de nacer e que busca contribuír á reindustrialización do sector textil apostando pola moda sostible.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *