Top 10 do 2014: turismo e viaxes

viaxes

Non é nada sinxelo decidir que foi o mellor do ano en viaxes, porque de viaxar gústanos absolutamente todo: desde o momento de elixir destino colocando o dedo índice ao azar sobre un globo terráqueo que xira (ou mais ben, buscando os billetes de avión máis baratos en Ryanair) ata o de revelar as fotos (porque si, podemos anunciar xa que unha tendencia clave en viaxes do 2014 foi á volta definitiva á cámara analóxica e aos praceres e os misterios de non saber que se agocha nun carrete). En todo caso, e aínda que de viaxar nos guste absolutamente todo, cando un ten que viaxar como un hipster, hai que traballado un pouco máis. Estes son os destinos e tendencias máis cool do 2014, que non farán máis que crecer ao longo do 2015.

1. Lisboa

Se por Disquecool fose, Portugal sería sempre o número 1 do noso top 10 de viaxes: non acaba nunca. Normalmente reivindicamos Oporto, esencialmente porque está máis preto e podemos ir frecuentemente, pero non hai que esquecer que uns quilómetros máis abaixo está unha das capitais máis cool de toda Europa. É Lisboa mellor que Oporto? Por suposto que non, pero tampouco poderíamos dicir o contrario. Polos seus centros comerciais para modernos, polas súas librarías ambulantes, polos seus cosmopolitas bares e restaurantes, polo seu vital ambiente e a súa arquitectura decadente, Lisboa é para nós a cidade do 2014 e unha das que debes visitar no 2015.

2. Poshtels

Os poshtels (que nacen de mesturar o concepto de posh -ou pijo– e hostel) son a solución de urxencia a toda unha xeración que xa non é quen de viaxar como hai 10 años (durmindo onde sexa, comendo só bocatas do supermercado) pero que segue  a contar co mesmo presuposto. Agora non terás que decidir entre quedar na casa ou durmir nun tugurio, estes hostels de luxo propoñen wifi gratuíto, cuartos con baño propio e decoración de deseño a prezos populares.

3. Londres, pero fora do mapa (turístico)

Londres é unha cidade que nunca deixa de sorprender, pero o é aínda máis se te saes dos trillados camiños do turismo de masas. E facelo é moi fácil: basta con afastarte un pouco do centro. Así poderás chegar a un dos barrios máis vibrantes da actualidade: Brixton. Alí atoparás non só unha galería de arte, un cine independente, un fermoso parque, unha libraría de segunda man, unha sala para concertos ao grande  e moitos sitios modernos nos que comer e beber, senón tamén un forte sentimento de comunidade.

4. Turismo literario

O turismo temático está de moda, porque permite combinar afeccións e viaxe, e tamén porque supón un xeito diferente de coñecer un lugar (e diferente é un adxectivo que todos buscamos nas viaxes, para pasar de simples turistas a viaxeiros). Hai quen se adica ao tanatoturismo (visitar cemiterios) e hai quen prefire o enoturismo (visitar viñedos e catar viños) pero nós recomendamos o turismo literario, que estivo en auxe este ano. Podes acudir a  cidades literarias (Dublín, Reijkavik..), facer visitas guiadas seguindo os pasos dos teus escritores favoritos ou percorrer librarías fantásticas, como esas que se atopan en lugares inesperados.

5. Escolle a túa aventura

Aínda que polo momento só o atopamos nun cruceiro que deixaba aos pasaxeiros decidir, sobre a marcha, en que portos se paraba, estamos convencidos de que é unha tendencia que non fará máis que aumentar durante o próximo ano, xa que une o concepto de personalización (ti deseñas a túa viaxe) ao de aventura (convertendo calquera viaxe nunha exploración).

6. Museos a ritmo slow

O slow travelling (o slow todo en realidade)  gaña adeptos día a día. É a resposta a ese viaxar que xa non é un pracer, senón unha responsabilidade: hai que velo todo, hai que contalo, hai que visitar o maior número de países, aínda que non recordemos que era o que había neles. E agora, ademáis, o slow movement chega a un sector que o estaba pedindo a gritos: os museos. A próxima vez que visites un gran museo, esquece o de tratar de velo todo (é imposible e só conseguirás saturarte): escolle unha única sala e pasa aí dentro todo o tempo que precises. Respira cada unha das obras de arte que hai nela, porque o importante, non é a cantidade.

7. Eat local

Se 2012 ano foi o ano da popularización masiva de couchsurfing (unha rede para atopar un sofá onde durmir en calquera parte do mundo), no 2014 o que triunfa é comer na casa de alguén. Ben é certo que a dinámica parécese máis á de airbnb que a de couchsurfing (ao fin e ao cabo pagas pola túa comida), pero entronca co interese en coñecer un lugar máis en profundidade e da man dos locais (aínda que sexa a través do estómago). Redes como Bookalokal ou Eatwith serán pronto coñecidas (e usadas) por todos.

8. Pedalear nas ecopistas

O cicloturismo chegou para quedarse, e por iso as ecopistas e pistas verdes merecen, para nós, estar no top 10 de viaxes 2014. Cada vez máis xente colle a bici e decide facer deporte ao mesmo tempo que viaxa (tamén moi en consonancia co slow travelling): é unha forma ben barata e ecolóxica de desprazarse, pero ademáis esta chea de encanto, sobre o todo se o fas sobre vellas vías de tren en desuso e atopas apeadeiros abandonados de cando en vez.

9. Destinos éticos

As tendencias en viaxes tamén marcan novos intereses á hora de elixir un destino: non basta con que teña moita historia, un montón de monumentos, paisaxes de escándalo ou unha gastronomía irresistible, agora tamén importa se o país merece os nosos cartos (evitando así lugares no que o respecto aos dereitos humanos é limitado). Entre os destinos que están a dedicar un maior esforzo a promover os dereitos dos cidadáns e a coidar do seu medio ambiente, destacan Cabo Verde, Lituania, Uruguai ou Vanuatu.

10. Propósitos viaxeiros

Xa está ben de facer propósitos de ano novo benintencionados, pero que acaban facéndote sentir mal. Pasa do de comer mellor, facer deporte tres días á semana ou deixar de fumar, ou polo menos, combínao con outros propósitos que che resultará moi fácil cumprir (pero que quizá non farías se non tiveses anotados nunha lista). Non é cuestión de retarse a facer grandísimas viaxes, senón máis ben, a cambiar de actitude. Porque un pode viaxar a só 30 quilómetros, e descubrir un montón de tesouros ocultos.

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *