O próximo bolso co que soñarás será de madeira

bolsos de madeira

Xa vos avisamos hai un par de anos de que a madeira volvía ser cool, pero non creades que iso significa que xa pasou de moda. Non, os materiais naturais e tradicionais nunca deixan de ser tendencia, pero por si acaso, reinvéntanse. ¿Recordas como te sorprendeu a  fermosura indubidable da madeira  nas monturas das gafas? ¿Recordas que tamén te namoraron ao momento?. Pois iso mesmo vaiche ocorrer con estes marabillosos bolsos de madeira.

Si, si, como o oes, a madeira chega tamén o mundo dos complementos de moda e faino pola porta grande, ou alomenos, iso parece a vista do resultado. Bolsos orixinais, cálidos, veteados, obra de Arturo G. de la Cámara (artífice en parte tamén, por certo, de Woodglass), quen levaba xa anos traballando en artigos de madeira cando pensou en regalarlle á moza unha funda (de madeira, por suposto) para o seu ukelele. Gustoulle tanto que lle pediu un bolso. E descubriu que non só lle gustaba a ela, levantaba paixóns.

bolsos-madeiraAsí que comezou a facer bolsos de madeira para vender. A idea era sinxela: crear una caixa, con madeira de sapeli, nogueira, freixo, abeto, iroko ou álamo, por exemplo, que fose o corpo do bolso, e despois completalo con tapas de tela ou coiro intercambiables. O proceso de fabricación iníciase cunha táboa grosa, que se vai traballando de forma manual con serras e lixas, primeiro o interior e despois o exterior, para finalmente acabar engadindo o forro e a tapa. E canto pesa un bolso de madeira maciza? Pois non chegan aos 400 gramos, menos da metade dun cartón de leite. Alixeiralo ao máximo foi unha das primeiras preocupación de Arturo, por razóns obvias.

Levan so 3 meses vendéndoos, pero a acollida está a ser excepcional, probablemente debido á orixinalidade das pezas. Polo momento só se poden mercar na tenda online da súa web De la Cámara Wood Projects, e custan uns 85 euros (se queres mercar unha tapa soa para intercambiar, 17 euros).

E quen sabe que nos depara o futuro, porque a madeira pode aínda dar moito xogo. De feito, Arturo explícanos que se algo tiña claro ao montar DLC Wood Projects era que sería un proxecto aberto, sempre ao redor da madeira: “Comezamos cos bolsos pero pronto xurdiron novas ideas: reconverter cadeiras clásicas en pezas de deseño ou caixas de peixe en modernos andeis, restaurar bicicletas ou guitarras son cousas que xa estamos facendo. Que aparezan novos retos e aventuras é o mellor que te pode pasar no teu traballo diario”.

E é tamén o mellor que lle pode pasar á madeira para que siga sorprendéndonos.

 

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *