Máis movemento slow: visitando museos amodiño

museo

Hai un momento que tende a aparecer cando levas unhas dúas horas percorrendo os corredoiros e salas dun museo. Primeiro a dor de costas, demasiado tempo de pé. Sentas un pouco nun banco diante dun cadro, pero rapidamente miras o reloxo e volves a erguerte. Despois a saturación, esa que ao principio é inconsciente (camiñas máis rápido), pero que chega de súpeto ao teu cerebro dicindo: levas cinco salas sen prestar atención. Entón decides saír. Ver museos é moi cansado.

É culpa dos museos ou é culpa de que non sabemos como movernos por eles? A segunda opción podería ser a correcta. Dalgunha forma cremos que os museos hai que velos enteiros, algo factible se falamos do MARCO de Vigo ou o CGAC, pero máis complicado se o que se alza ante nós é o Louvre ou o Prado. É imposible velos nun día e, sobre todo, o noso cerebro non aguantará tanto tempo. Por que non escoller?

Todo isto vén dun artigo publicado no New York Times hai uns días, no que defendían que quizais o movemento slow debería moverse ao ámbito dos museos. Porque o que facemos agora non ten moito sentido. “Cando vas á biblioteca non camiñas a carón das librerías, mirando os cantos dos libros, e ao saír tuiteas aos teus amigos “hoxe lin 100 libros””, asegura James O. Pawelski, director de educación no Centro de Psicoloxía Positiva da Universidade de Pennsylvania. E, sen embargo, é así como vemos os museos. “Non podes ver un cadro de verdade só pasando ao seu lado”.

Que se supón que debemos facer? O de sempre: coller aire, respirar profundamente, e aminorar o paso. Pararnos diante dunha obra. Mirala, contemplala durante moito máis tempo dos 30 segundos habituais. Segundo Pawelski, é así como empezas a conectar coa arte, co artista, contigo mesmo. El obriga aos seus estudantes a deterse ante as obras polo menos 20 minutos. “E o que pasa é que empezas a ser quen de ver o que estás a mirar”.

Para conseguir isto, Pawelski aconsella escoller unha zona do museo no que estás e pasear un pouco, quedándote coas obras que máis te chaman a atención. Despois volver a unha delas e quedar una media hora contemplándoa. O obxectivo xa non é tachar todas esas “obras que hai que ver” do museo, igual que no slow travel tampouco se recomenda ir sinxelamente tachando monumentos. O obxectivo é dar un salto e mergullarse na obra, na cidade, no campo.

Algúns museos, di o artigo, están xa a ofrecer tours lentos, invitando aos visitantes a tomarse o seu tempo, e a xente que probou esta nova forma de ver a arte compáraa coa meditación. En vez de concentrarse na respiración, concéntraste na obra que estás a mirar. E hai case ata momentos de auto-análise e auto-descubrimento.

Hai quen empeza xa a dicir que é ata bo para a saúde, e está a aparecer unha nova versión deste slow art aplicado aos tempos que corren: algúns museos animan aos visitantes a sacarse selfies con obras, imitando a pose. Si, si, como hipster intelectual pensarías que eses que están a imitar ao David de Miguel Anxo non merecen ter arte ao seu redor, pero segundo parece esa imitación axuda a crear unha conexión entre a persoa e a obra de arte, a contemplala mellor (para imitala ben), a fixarse nos detalles…

Só hai que conseguir interiorizar o seguinte: é posible ir ao Prado e non ver as Meninas, saír do Louvre sen pasar pola Mona Lisa, pasar da pedra Rossetta no British Museum. Quizais descubras unha obra de arte descoñecida que se converta de súpeto no teu cadro favorito.

Foto | Frans Schouwenburg

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *