Madame Bovary, una libraría na que só venden historias de amor

As novelas románticas sempre acaban ben, dinos Mercedes Pacheco, e, aínda que o pareza, non está a facer ningún spoiler. “A literatura romántica é unha historia de amor que sempre acaba ben”, explícanos. E saber sabe do que fala porque Pacheco é a responsable de Madame Bovary, a última incorporación á lista de librarías especializadas de Santiago de Compostela e a primeira de toda Galicia que se dedica de xeito exclusivo ao xénero romántico. E por romántico non entendemos, non, aos románticos do Romanticismo senón a esas historias de dúas persoas que se atopan, namoran e, como xa sabemos, acaban xuntos e comendo perdices.

O xénero é un dos que máis vende en todo o mundo, España incluída. Non hai que mirar máis que mirar as listas anuais de cifras de ventas que publica a Federación do Gremio de Editores para velo.  Se excluímos o criterio novela contemporánea (que cubre tantos xéneros), a romántica é o 2,2% do mercado español do libro, só superado polo 2,4% da erótica (que como sabemos está de moda e que para algúns é unha especie de filla bastarda da romántica). Pero mentres a erótica cae na comparación interanual, a romántica sube. Sen embargo, é a pesar de que o xénero é consumido de forma bastante ampla, non é dos que ten moi boa fama. A novela romántica está unida no mundo dos estereotipos ás portadas tipo Favio e aos textos de mala calidade redaccional. Pero se falades con Pacheco un par de minutos, ela contaravos tantas cousas interesantes que ao final concluiredes que quedarse con iso é moi simplista.

MadameBovary2Por unha parte, a industria editorial está coidando cada vez máis aos lectores de romántica. As portadas xa non son o que eran, explícanos, e están coidando moito máis os detalles. “E están coidando moito as traducións”, apunta, ao tempo que están aparecendo editoriais independentes que se dedican só a publicar romántica (e que por suposto fano con mimo). Parten, ademais, dunha situación que calquera editorial podería envexar. Pacheco dinos que os lectores de romántica (ou se cadra habería que dicir lectoras, porque as lectoras – como as autoras – son a maioría) son incriblemente fieis e len moitísimo. Se unha saga lles entusiasma, len todos os libros. E se unha autora os convence, xa ten lector para a vida.

“O xénero estase modernizando”, sinala. “Hai novelas románticas que a ente non identifica como tales”, dinos (e si, bota un ollo con coidado á lista dos últimos bestsellers que liches porque pode que no medio estea unha novela romántica). Xéneros que son material de primeira posición nas mesas de novidades e nas librarías dos aeroportos (ese barómetro do que vende) como as novelas landscape son, en verdade, romántica. “Como en todo, hai libros que están moi ben escritos e libros que están mal”, puntualiza. E se ninguén condena para sempre ao xénero policiaco por unha novela mal escrita, deberiamos facer xusto iso coa romántica?

E que diría aos lectores que aseguran que por nada do mundo lerían un libro de romántica? “Que fagan a proba”, sostén rindo (ela fíxoa!), “pero que non colla calquera cousa. Que busque unha boa autora e un bo título”. Jane Austen é a primeira da súa lista de recomendacións, xa que para moitos é a nai da novela romántica, pero non é a única da súa lista de recomendacións para iniciarse na romántica. Lisa Kleypas ou Laura Kinsale son dúas das autoras que poden ser consideradas clásicos contemporáneos do xénero.

Non, non hai novela romántica en galego

A libraría vende libros en castelán… pero non porque non queira vender en galego. Mercedes Pacheco está á procura de novela romántica en galego para adultos que incorporar ao catálogo, pero polo momento non conseguiu algo que se axuste ao criterio do xénero.

Haber hai autoras galegas de romántica pero publicar publican en castelán. Están, por exemplo, Teresa Cameselle ou Gloria Losada.

Madame Bovary está na rúa Isidro Parga Pondal, que é unha das costas que están nos arredores do Corte Inglés. A súa decoración é, ademais, de aires románticos. A inauguración oficial (con escritores e outros actos) é o sábado 11 pola mañá. 

Foto portada Elin B

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *