Bulide! Xa comezou Curtocircuíto!

Con dous meses de antelación respecto da edición pasada, a décimo primeira edición de Curtocircuíto chega a Compostela… e parece que trae o clima máis propicio para ir ao cine: choiva e algo de frío. E é que a equipa que leva o festival parece ter coidado todos os detalles dunha edición que chega cargada de cinema en pequenas doses que farán de cada día unha montaña rusa, como xa apuntaba o director do festival Pela del Álamo hai uns meses aquí. Máis de trinta sesións de cine que encherán de actividade o Teatro Principal e a Zona C, lugares escollidos para as proxeccións desta edición.

hoolboom05©tamaradelafuente

Un ano máis, o festival traerá a Santiago o mellor e máis selecto cine. Por unha banda, a retrospectiva sobre Mike Hoolboom permitirá coñecer a figura deste director que viviu a crise e os estigmas do SIDA nas súa propia pel, reflectindo en gran parte da súa obra os seus sentimentos e vivencias. Del pasaranse os filmes ‘Public Lighting’, ‘Frank’s Cock’ (premiado no TIFF como mellor curta), ‘Tom’, ‘Damages’, ‘Buffalo Death Mask’ e ‘Work In Progress’. Esta última, citando a descrición que trae o catálogo do festival promete ser unha “sorpresa misteriosa especial!”. Tamén o festival, a través da súa sección Púlsar, quere potenciar os novos creadores que teñan un mirada especial. Nesta ocasión, o afortunado é o enfant terrible Gabriel Abrantes, cuxa obra irreverente mira de forma morbosa e irónica o sexo.

E aínda quedan as seccións Radar e Explora e o Planeta GZ, sección na que competirán as mellores curtas galegas. Por se todo isto soubese a pouco, o festival tamén conta, nesta edición, cunha programación achegada aos máis novos. Por unha banda, Kiddies, tratará de conquistar aos máis pequenos con curtas que teñen por finalidade facer canteira; para os máis maiores, os adolescentes, a sección 14_17 intentará dar resposta a todas as dúbidas que xorden nas mentes en pleno desenrolo dos case maiores de idade. Para maiores de idade, e só para maiores de idade, é a sección máis canalla do festival: Noite Malandra, unha selección de curtas divertidas, suxerintes e… digamos, de dous rombos.

Todo isto xa parece unha selección de festival moi interesante, non? Si… pero non é suficiente para deixar o listón ben alto como Curtocircuíto quere facer este ano. Así que, a todo o anterior, hai que sumarlle o concerto de Capsula a noite do venres na Sala Capitol onde os fillos non recoñecidos de David Bowie despregarán o seu psicodélico rock xunto ao crooner Pablo Und Destruktion. E o martes, Peter Broderick, músico de M.Ward e Zooey Deschanel, tamén na Capitol! E todos os días no CGAC moreas de actividades, charlas e coloquios con xente coma Lois Patiño ou Mike Hoolboom, cos responsables de NUMAX, de Porto/Post/Doc … e moito moito máis. E a un prezo absolutamente ridículo: 6 euros o pase de cinco sesións! Vos veredes, eu vou ir rematando este artigo que teño que ir facer cola á billeteira do Teatro Principal, que logo voan as entradas e eu non quedo sen a miña!

Foto | Tamara de la Fuente, cortesía Curtocircuíto

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *