You’re the Worst: o amor que aparece cando só buscabas sexo

You're the Worst

Gretchen e Jimmy coñécense nunha voda. Ela está a piques de escapar despois de roubar un dos agasallos. A el acaban de botalo por insultar á noiva. Queda moi claro desde o principio que ambos son o peor, e por iso queda tamén moi claro que están feitos o un para o outro.

‘You’re the Worst’ é a historia de amor que xorde entre dúas persoas que non cren no amor. O que empeza como un lío dunha noite e continúa como un simple “isto non é nada, só o estamos a pasar ben”, vai evolucionando de forma inevitable cara esa normalidade que ambos temen. Deixaran as cousas claras a primeira noite: a ela danlle medo as relacións serias, el non cre nelas. Pero camiñan da man con xestos de terror cara ela. Mentres tanto, fannos rir moito.

De todas as series que se estrearon este verán, ‘You’re the Worst’, de FX, está posiblemente entre as tres mellores. É unha sitcom romántica con ese pequeno extra de, en primeiro lugar, resolver o will they/won’t they nos primeiros minutos e, en segundo lugar, facer que os protagonistas sexan egoístas e narcisistas ata dicir basta, aterrados pola vida adulta que todo o mundo parece esperar deles ao cumprir os 30. El é un novelista infravalorado (que sobrevive, claro, a base de colaboracións en revistas), ela leva a comunicación e relacións públicas dun grupo de rapeiros de vinte anos. “É fantástico que ambos teñamos un traballo no que podemos beber polo día, non?” dille Gretchen a Jimmy nun momento. Jimmy cuestiona que a súa profesión (a dela) sexa desas.

Arredor de Gretchen e Jimmy hai todo un grupo de personaxes secundarias que van crecendo, ao igual que a serie, episodio a episodio. Jimmy vive con Edgar, un veterán da guerra de Iraq con síndrome post-traumático ao que acolle na súa casa. Gretchen ten a Lindsay como a súa mellor amiga, unha antiga compañeira de esmorga que está atrapada nun matrimonio aburrida (pero como non ser fan do seu marido, experto en aficións estrañas?).

De aquí podería saír tanto algo bo como algo malo, pero o resultado é fantástico e hilarante por momentos (no episodio 5 aparecen uns hipsters xeniais). Sen medo ás escenas de sexo bastante explícito, sen medo a diálogos punzantes e incorrectos, con moitas referencias á actualidade (independencia de Escocia incluída), coller cariño aos personaxes de ‘You’re the Worst’ non é nada difícil. Eses defectos tan grandes (el é honesto ata a grosería, ela mentirosa compulsiva) veñen acompañados de miradas e xestos nos que vemos que, por suposto, ambos teñen corazón e unha gran inseguridade vital. E por iso é fácil querer que todo lles saia ben e sexan felices para sempre.

Detrás da serie, para os que queredes nomes e referencias, está Stephen Falk, guionista de ‘Weeds’ e ‘Orange is the New Black, así que podedes confiar en que pagará a pena. O piloto posiblemente sexa o peor episodio porque, como xa dixen, cada novo episodio é mellor que o anterior, así que vede polo menos dous para empezar. Xa me contaredes.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *