WOS INC: incubando ideas en Compostela

wos inc cartelO verán é sinónimo de festivais, festivais e máis festivais. Quizais por iso, a aparición dunha incubadora de ideas,é o máis orixinal nun panorama que parece xa acostumado aos grandes escenarios e ás xornadas maratonianas de tenda de campaña. WOS INC nace no espazo de tempo que separa os últimos días do verán e a chegada do outono (non falo do clima, que iso xa sabemos que en Galicia é algo aleatorio tirando a malo): desde o 12 ao 14 de setembro. Desde a organización din que a iniciativa nace co obxectivo de “converter Compostela nun lugar de referencia para artistas de diversas disciplinas de forma que exista un diálogo construtivo que fomente a creación e o traballo durante todo o ano entre edición e edición”. Cómpre unha ollada rápida ao cartel para ver que aquí non hai só música.

Entre os artistas convidados resaltan nomes coma Guerrera, Red Fang, Grampoder ou a Orquesta Metamovida. Pero non só é música o que hai no WOS INC, tamén coloquios nos que participarán xente como El Hematocrítico, Xabi Puig, Noel Ceballos, Manuel Bartual ou Querido Antonio, estes catros reunidos nunha mesa redonda sobre as trincheiras do humor. Trincheiras que xa traspasou un máis que consagrado Miguel Noguera, que o sábado 15 realizará o seu Ultrashow no Teatro Principal (e ao que entrevistaremos en Disquecool próximamente). E isto é unha pequena porcentaxe dunha programación que se estende por ata oito espazos da cidade picheleira: desde a SGAE ata a Sala Capitol pasando por Teatro Principal e outros lugares.

Desde a organización salientan o carácter arriscado do cartel. “O cartel que presentamos é moi arriscado e heteroxéneo e somos conscientes de que é complicado que alguén coñeza todas as propostas”, aínda que tamén salientan que xa teñen abonos vendidos a xente de Canarias e Barcelona. Unha primeira edición que chega pisando forte e coa promesa de algo máis que un festival de música. Cambia o cámping pola zona vella de Santiago, a omnipresencia de concertos pola combinación dos mesmos con outras disciplinas como artes escénicas e coloquios varios… e todo isto en pleno corazón de Compostela nunha fin de semana que colle entre o comezo do curso universitario e a reincorporación ao traballo.

 “Para a gran maioría de bandas e artistas do cartel é a súa primeira vez en Galicia (…) Este non é un proxecto coma os de sempre: é un evento urbano, indoor, diferente”, comentan desde WOS INC. Para os que aínda teñan dúbidas unha simple ollada ao cartel ao completo basta para saber que esta incubadora chegou para quedarse. A cuestión é de quen queres ser ti: dos que foron antes de que fose mainstream ou dos que se subiron ao carro nas seguintes edicións?

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *