Facemos unha type-in?

mulleres maquina de escribir

Lembrades o noso stand do ano pasado no Culturgal? Tiñamos unha máquina de escribir (que facía flipar aos nenos, xurámolo), o que era moi emocionante (aínda que tinta levaba mil anos alí e era moi retro) e facía sentir que podías escribir a gran novela galega só con mirala (hai unha tecla que fai, así que mirala está ben). O que non sabiamos era que eramos tan, tan, tan incriblemente adiantados á moda. Porque a tendencia é que a máquina de escribir volve. Volve!!! Deixaremos de escribir parvadas na rede, descubriremos que a nosa ortografía é peor aínda do que pensabamos (non podemos levar o corrector do Word con nós?) e faremos músculo nos dedos das mans, pero a cambio levaremos grandes escritos profundos e un aire glamuroso digno das películas en branco e negro.

Xa sabedes que os espías están volvendo á máquina de escribir (ben, os espías de Rusia e os de Alemaña se se deixan levar pola paranoia duns dos seus políticos, pero xa sabedes o que nos gustan aos xornalistas as afirmacións totais e amarelas) para que ninguén lle roube os secretos, por aquelo de que todo o electrónico deixa pegada.

Pero no só os espías están retomando a máquina de escribir. Agora os modernos tamén están volvendo a ela. Máis o menos, tamén. Os escritores hipster de Nova York están a mercar máquinas de escribir (ben, chámalle escritores partindo desa premisa de que todo o que escrebe e se sente artista pode ser un escritor: así de inclusivas son as profesións de letras) para volver a comulgar co seu eu interior e coas palabras. E os talleres dos EUA están vendo un revival en reparacións e interese. Non é que os luditas volvan a estar de moda (que tamén sería algo sorprendente) senón que a nostalxia e o boom do vintage tamén acabou por tocar a como se escrebe.

No mundo das apps, as máquinas de escribir tamén son un pouco unha moda e a gran app da fin do verán é a que lanzou Tom Hanks (si, ese Tom Hanks) e que permite escribir como nunha máquina de escribir nun iPad. Hanks é un namorado das máquinas de escribir (non un desarrollador, así que asumimos que ese traballo o fixo outra persoa) e por iso impulsou algo así.

E… Gustaríame dicir que é un tendencia masiva, pero só é aínda un principio. Pero os trendhunters sabemos ver o lume polos poucos rastros de fume da primeira etapa do incendio. E estas son as primeiras sinais do incendio, prométoo. En Estados Unidos empezaron as type-ins, que son festas para escribir a máquina. As primeiras noticias son de hai uns anos e a corrente foi saíndo de Nova York a outras grandes cidades do país. No 2011, xa había festas de escribir a máquina en Brooklyn, cando estes modernos do vello quedaban en cafés e, obvio, librarías, para teclear grandes historias, cartas das que van en sobres e  facendo competicións de pulsacións, como as secretarias de hai cen anos. “Son como jam sessions pero para xente que ama as máquinas de escribir”, dicía un.

Mentres esperamos sempre nos quedará botar man do recurso co que News Corp está intentando motivar aos (posiblemente sufridos) xornalistas de The Times. Eles teñen que escoitar durante toda a xornada laboral unha banda sonora de máquinas de escribir traballando a diferentes velocidades, porque (é o que pensan os xefes) aumentan os niveles de enerxía e lembran que hai unha data de peche. E mesmo se algúns dos xornalistas as odian (pero non poden apagalas… que chegan vía altofalante…), o certo é que polo menos recuperan esas redaccións do pasado cheas de ruído e carreiras que tantos xa non coñecemos máis que nas películas.

Foto Biblioteca do Congreso

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *