O disco da semana: Alvvays, de Alvvays

650_1000_alvvaysXullo e agosto representan un páramo ben aburrido, cos artistas moito máis pendentes de contabilizar o traballo do ano previo en xiras e festivais, e cos fans atentos a que fulaniño vaia pasar a 200 km de casa. É a oportunidade para repasar o que aconteceu en meses previos… ou de que algún grupo que puidera pasar desapercibido tente chamar a atención ocupando maior cota de exposición. Algo así podería definir a chegada de Alvvays e o seu traballo homónimo, ‘Alvvays'(Royal Mountain, 2014) , a finais de xullo, ás nosas vidas. E fano, ademais, cun disco que desprende tanta luz que sería case impropio que saíse ó mercado noutra época. Alvvays son un quinteto canadense que debuta con este Lp. O seu é un indie pop sinxelo pero ben traballado, afastado da “música de anuncios de cervexa”, con moitos puntos en común con xente como Best Coast ou The Pains of Being Pure at Heart. Queimando barcos dende ben pronto, que o disco só dura 33 minutos e non hai espazo para andarse con historias. Apostando por cancións tan fantásticas e enérxicas como Adult Diversion, nada máis empezar.

Ó mellor son e só, pero é comezar Archie, Marry Me, e que as imaxes duns Veronica Falls ós que lles empezou a entrar a luz pola fiestra do local de ensaio véñenme á cabeza. Como comparación igual é unha merda, pero quizais vos serva para ir facéndovos unha idea, e de convencervos de que o tempo que dediquedes a “Alvvays” non será en balde. Nin nos cortes con alma de single, como os dous que abren o disco, nin con eses que trazan realmente o resto do fío condutor do seu álbum de debut, máis traballados, con maior desenvolvemento, transcendencia e aspiracións. Esa faceta ábrea con éxito Ones Who Love You, marcando outro éxito no inicio do disco, e deixándonos cheos de amor por esas melodías, tamén da man de Next of Kin, que case sitúan a Alvvays máis preto de Glasgow que de Toronto.

‘Alvvays’ escorréseche entre os dedos. Sentas a escoitalo, nunha terraza, cunha caña, e antes de que a acabes, xa está finado (ben, isto depende do nivel de alcolismo do lector). Ó principio con ese primeiro grolo que apague a sede acumulada tras toda unha tarde vagando polo deserto, e despois chegando os seguintes, con máis calma e sosego. Aceptando aquilo da cata coidada e sen présas, das cousas ben feitas, de Party Police como ese punto forte, tan afastado das praias e pistas de baile. Moito máis preto do noso dormitorio adolescente, no que nos ’90 queimabas as tardes sen facer absolutamente nada máis que escoitar música e torturarte porque a tía que che gustaba comezara a facerlle as beiras ó teu compañeiro de pupitre, e semella que o mundo se afunde. Menos esplendor ten The Agency Group, que ademais é a canción máis longa de ‘Alvvays’.

A única incógnita que queda é saber como funcionaría ‘Alvvays’ se durase tres cuartos de hora. Canto de percorrido real ten. Está claro que a súa aposta no está carente de certa superficialidade, de cancións como Dives, que se preocupan exclusivamente de abrazarte sen que no fondo da súa alma pretenda pasar á historia da música. De alegrarte sen necesidade de psicofármacos, en pequenas doses de tres minutos ó ritmo de Atop a Cake, ou da pausa final de Red Planet. ‘Alvvays’ non vai ser o mellor disco do ano, pero é un disco con moitísimas virtudes, ó que moi poucos peros se lles pode pór, máis aló de cal sería o resultado si nos tiveran que acompañar durante un par de horas. Para iso teremos que agardar futuros pasos, pero esa impaciencia impediríanos gozar do debut que temos entre mans. E sería unha auténtica mágoa.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *