V de Valarés, festival na praia

VVALARES14 – © Javier Rosa

Para os que aínda non o coñezan, V de Valarés é o festival ao que hai que ir. A golpe de edición tras edición, o festival segue a gañar adeptos no que é difícil escoller que é mellor: se os grupos convidados ou se a paisaxe. E é que Valarés (ou Balarés, segundo o nome oficial) é unha das praias mellor gardadas pola propia natureza. Escondida nun recuncho entre Corme e Ponteceso, a praia convértese no mellor aliado para aqueles que gustan de comezar o festival cun baño no mar ou deitándose á sombra das árbores. O bosque, reconvertido en zona de acampada, encheuse de tendas e de xente que un ano máis reclaman a berros que o festival se alongue un pouquiño máis. E é que aínda que a tónica no aparcamento na mañá de domingo era unha mestura entre esgotamento e resaca, os corpos pedían un pouco máis: outro día máis de festival.

O festival comezou á unha da tarde cos concertos programados nos escenarios Praia Sons e Eco Sons. O dilema era: bailar na praia ou bailar diante do escenario? Resposta sinxela: facelo nos dous sitios. Así, aínda que parecía que os escenarios tiñan pouca xente, era todo cuestión de perspectiva. O día soleado convidaba a quedarse deitado na area escoitando a Cool Funeral ou Disco Mordisco bronceándose a ritmo de boa música. Ata ben escondido o sol, e xa con Depedro no escenario, moita xente aproveitou o día de sol ata as últimas raiolas.

Pero Jairo Zavala e o seu grupo teñen moito poder de convicción cando se enfundan os instrumentos. Así, pouco a pouco o recinto foise enchendo de xente con ganas de cantar Hombre Bueno ou de bailar arrimados en temas como Llorona. Nótase, sen dúbida, a influencia de Caléxico, grupo ao que Jairo Zavala acompañou en varias ocasións (incluído o pasado PortAmerica), nunha música lixeira pero que non pasa desapercibida. Unha opción xenial para ir abrindo apetito musical.

Recollían testemuño uns Lisa & The Lips que apenas tocar dúas notas xa tiñan gañado ao público de Valarés. Cunha enerxía envexable e acompañada dun grupo ao que non lle faltaba nada, Lisa Kekaula uniuse á lista de grandes vocalistas das que é inevitable namorar. Especial mención a Going Down, canción na que o grupo ao completo, acompañado no baile polo público, deitouse no escenario ata finalizar nun explosivo salto e fin de canción. Por suposto, Lisa And The Lips conta cunha trompeta (instrumento que, como xa dixen máis veces, está de moda) e cun teclado Hammond. Inconfundible o son das teclas deste órgano que engadía un toque singular e único.

O ano pasado Los Coronas trouxeron o pilates do rock e fixeron bailar Ennio Morricone a Valarés. Este ano foron Corizonas (o resultado de xuntar Los Coronas con Arizona Baby) os encargados de traer o son do oeste á praia. Acompañados por proxeccións de clásicos do cine western como El Topo de Alejandro Jodorowski, Corizonas confirmou que é unha aposta segura baixo calquera circunstancia. Unha vez máis, e xa van moitas, foi Loza, o batería, o que máis louvanzas recolleu nun concerto que volve a sobresaír con maiúsculas. I Wanna Believe, Hey Hey Hey – The News Today ou Piange Con Me foron algunhas das cancións que a banda deixou na súa actuación, pero foi coa súa versión de Wish You Were Here de Pink Floyd coa que conquistaron o corazón dos presentes.

The Undertones poñían a guinda dun pastel que aínda non estaba rematado. A banda, fundada no 1975 no norte de Irlanda, amosou que a idade non está ligada coa enerxía. Así, se ben é certo que os anos deixaron marca nos membros do grupo, a banda deu un concerto moi potente que mantivo o listón moi alto. Cuns poucos “moitas grazas” e algunhas palabras máis aprendidas en galego, Paul McLoone fixo e mestre de cerimonias dun concerto que, sen dúbida, contaba coa etiqueta de único. Único porque, sexamos sinceros, The Undertones están maiores, e tamén porque poucas veces se repite a combinación de paisaxe, praia e música que en Valarés se consegue.

Pecharon esta edición, Triángulo de Amor Bizarro, We Are Standard e Elyella Djs. Probablemente sexan estes tres últimos os responsables de moitas das caras de fatiga que o domingo pola mañá habitaban a acampada do festival.

Valarés convértese, unha vez máis, no festival perfecto para pechar a axenda dos amantes da música ao vivo e ao aire libre. A combinación de situación e grupos, así como un prezo máis que económico (este ano eran 18 euros nas taquillas do propio festival), seguen a confirmar que paga a pena bañarse a ritmo de rock na praia de Balarés.

Foto Javier Rosa 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *