Terrazeando con The Harvesters

the Harvesters

Define Santiago en poucas palabras: “Santiago é cultura, é música, cervexa e terrazas”, respondería eu sen dubidar nin dous segundos. Resposta que parece compartir a asociación Desconcierto Cultural que, aproveitando que este ano Galicia terá verán (aínda que chegase un pouco tarde), organizaron unha serie de concertos moi interesantes por diversas terrazas da cidade compostelán. Por que, se o modus operandi en xullo e agosto é saír de traballar e ir compartir unhas cervexas ao calor dunha terraza, que mellor que facelo con música en vivo?

Desde o 2012 xa foron moitos os grupos que pasaron por este “festival” e moitas as terrazas que se encheron. Nesta edición, Soledad Vélez tivo a oportunidade de inaugurar o Terrazeando 2014, cunha actuación no Bar Olvido o pasado día 15 de xullo. Onte, colleron o testemuño The Harvesters no restaurante O Afiador. Fundado hai escasos días e xa extintos, The Harvesters é un grupo tributo ao disco de Neil Young ‘Harvest’. O grupo formado polo xornalista Ángel Carmona e membros de Niño y Pistola, Holywater e Wolrus despedíase con este concerto dunha carreira longa e chea de éxitos durante os últimos… seis días. E é que esta banda formada o pasado sábado, segundo recoñecían antes de comezar a tocar, amosou que cando o material é bo e os músicos senten e gozan os temas, non é necesaria unha experiencia de anos e xiras mundiais.

O setlist era claro: o disco de Neil Young de arriba a abaixo. Así que ás nove en punto, media hora máis tarde do habitual posto que o calor obrigou a atrasar a actuación, comezaban a soar os temas que 42 anos atrás publicara o cantante canadense. Cun aviso ao inicio sobre a lixeireza do disco, a actuación comezaba provocando que unha terraza abarrotada de xente bailase en abraiado ante a destreza do grupo e a beleza de cancións como Alabama. Bebendo cervexas, posto que o calor obrigaba a unha continua rehidratación, e emborrachándose de country o tempo foi pasando só deténdose para ovacionar ás “colleitadoras”. Espectaculares foron as interpretacións de A Man Needs A Maid e, especialmente, Are You Ready For The Country.

O ciclo de música Terrazeando despide a The Harvesters pero non finaliza. Aínda quedan tres concertos máis ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro. O 31 de xullo, no Restaurante Ana, Bestlife (Under Your Seat) achegará o rock indie ourensán; xa no mes de agosto, o día 20, o dúo galego-catalán Casa Celia tocará no Porta Faxeira. Despedindo o ciclo, o día 4 de setembro no Costa Vella, Joana Serrat pechará a edición 2014 de Terrazeando que, con sorte, repetirá o vindeiro ano.

Foto Jesús Ferrer 

 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *