Cando Galicia temía ser invadida polos Estados Unidos

9

Houbo un momento na historia de Galicia na que existía un temor (máis ou menos real) de que as tropas da Mariña dos Estados Unidos chegaran navegando ata as costas galegas e se adentraran ría arriba para tomar as principais cidades galegas. A Coruña era un dos potenciais obxectivos pero a entón emerxente Vigo era un dos outros, sobre todo porque a súa ría, unha vez que os invasores franquearan o principio, era unha sorte de trampa mortal (a historia así o demostrara) para os habitantes da cidade. Se os invasores estadounidenses pasaban das Cíes, Vigo estaría perdido.

Tanto temor tiña unha explicación (máis ou menos) lóxica. Estados Unidos e España acababan de entrar en guerra (xa sabedes, o Desastre do 98 que estaba en todos os vosos libros de historia) e toda a frota española estaba destinada nos lugares en combate, deixando aos habitantes peninsulares sen defensas. Non se sabía moi ben que pasos ían dar os estadounidenses, especialmente cando no mes de xullo (hai agora uns cantos anos) sóubose que un dos seus almirantes partira mar adentro sen destino coñecido. En Andalucía, moitos habitantes de Cádiz e Tarifa fuxiron da cidade e en Galicia comezouse a falar incluso de plans de evacuación. E mentres o goberno non daba respostas aos aterrorizados habitantes da franxa costeira, os inventores locais puxéronse en marcha para crear solucións que permitirían resistir ou predicir a chegada dos invasores.

Este é o contexto dunha das historias de invención que Miguel A. Delgado conta en Inventar en el desierto, o fascinante ensaio – biografía grupal dos inventores que nos últimos séculos intentaron crear cousas en España (e acabaron non só mal senón ademais esquecidos pola historia). Está Mónico Sánchez, un pioneiro na investigación dos raios X que creou unha fábrica (que pagaba salarios xustos!!!) no seu pobo de Guadalaxara na España da Belle Époque. Está o cura que nos anos 40 falaba de música electrónica e dun aparato que podería ser un tataravó do Spotify que hoxe todos coñecemos. E están todos os inventores que quixeron facer submarinos e que foron rexeitados e esquecidos por todos os gobernos que se sucederon en España dende os primeiros intentos, alá polo reinado de Sabela II. Máis ou menos un submarino, ou unha sorte de, foi o que apareceu en Vigo, alá polo 1898, para protexer aos habitantes da cidade da invasión estadounidense.

Detrás do mesmo, como nos conta Delgado, estaba Antonio Sanjurjo Badía, un self-made man (algo tan americano…) que conseguira montar La Industriosa, un lugar no que se reparaban barcos e no que se reparou o de Jules Verne nunha das veces nas que o destino o fixo recalar en Vigo. Sanjurjo estaba, como tantos no momento, obsesionado cos submarinos, posiblemente porque Vigo tamén era un terreo fértil naquel momento para iso. Na cidade estivera Monsieur Bazin, un francés que intentara recuperar os fabulosos tesouros da ría de Vigo usando para iso a inmersión. A súa obsesión cos submarinos e a situación levaron a Sanjurjo a facer unha sorte de boia (que lle costou unha fortuna: 16.000 pesetas da época), que construíu en dous meses (cando temes ser invadido polos estadounidenses é preciso ser eficiente).

Tres homes podían meterse na boia, que quedaría inmersa na entrada da ría de Vigo, e facer explotar unha mina que estaba no final dunha pértega (menos mal que nunca chegaron a probalo con explosión incluída porque, como explica Delgado, Sanjurjo fixera mal os cálculos e a onda expansiva tería acabado cos tres homes que ían dentro da boia máis alá do mal que lle faría ao invasor) e que sería a maneira de rematar cos invasores antes de que entraran na ría de Vigo. O invento foi botado no mar nunha proba, con gran éxito de público (e sen explosións), e conseguiu estar somerxido durante dous períodos, un de unha hora e media e outro de 45 minutos, chegando a baixar ata 20 metros de profundidade na ría.

A boia nunca chegou a usarse para defender Vigo dos invasores, porque nunca Estados Unidos intentou realmente invadir a cidade.

Inventar en el desierto: Tres historias de genios olvidados acaba de ser editado por Turner en castelán

Fotografía, botadura do invento, cortesía de Turner

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *