PortAmerica 2014: Glastonbury made in Galicia

20140719_213435

A choiva en Galicia é unha arte. Os lóstregos… non tanto. Iso foi o que deberon pensar os asistentes o venres á edición do PortAmérica ao ver que o festival víase obrigado a cancelar os concertos polo risco de tormenta eléctrica. Vetusta Morla, Novedades Carminha, Andrés Calamaro, Calle 13 e outros quedaron sen poder subirse ao escenario nunha noite na que caeron preto de 200 lóstregos na zona. A rápida resposta da organización permitiu solucionar e salvar a imaxe de cara á xornada do sábado. Mentres as taquillas abrían antes para permitir a devolución dos cartos pola suspensión da xornada do venres ou o troco desta entrada pola do sábado, no interior do recinto a organización traballaba no lameiro que a choiva creara para facelo habitable. A xornada do sábado comezaba, con conversas sobre a xornada do venres e con chuvasqueiros e botas como uniforme oficial.

The Sonics subía ao escenario precedidos por Bëlop, Full e Villanueva, que xa se encargaran de ir quentando ao público. A banda estadounidense demostrou que o rock non é cousa exclusiva da xuventude. O seu rock de garaxe sacudiu os malos pensamentos da xornada do venres e o baile comezase a ser a constante que duraría ata o fin desta edición de PortAmérica. Rebordando carisma, a banda de Tacoma tocou desde as súas versións de éxitos como Louie, Louie ou Love Will Tear Us Apart ata éxitos como Have Love Will Travel.

Nin dous minutos pasaron desde que The Sonics se despediran de Nigrán cando León Benavente xa estaba no (outro) escenario. O grupo que non deixou de soar en Radio3 durante este último ano traía o seu rock lixeiro ao PortAmérica. Sorpresa enorme ao ver que de lixeiros en directo… non teñen nada. Agresivos, pesados e metendo moita tralla, o grupo demostrou que os discos en estudio non teñen nada que ver coa realidade en directo. El Rey Ricardo, Ánimo, Valiente, Estado Provisional … moitos foron os temas coreados por un público ao que pouco lle importaban unhas nubes negras que se aproximaban ao recinto.

Do tramo da estrada que une León e Benavente ás longas estradas estadounidense que unen California e México só hai de distancia un golpe de trompeta de Calexico. Unha viaxe que son máis de 9,296.29 km (segundo GoogleMaps) tradúcense no tempo que se tarda en cambiar dun escenario ao outro no PortAmérica. Comezaba a choiva a caer sobre o recinto cando todo o público estaba xa no deserto californiano, teletransportados pola banda e pola súa mestura de ritmos cubanos, cumbia, texanos e rockeiros. Persoalmente, o mellor da xornada do sábado foron as trompetas deste grupo e a confirmación de que a trompeta estase a facer un oco na música indie demostrando que non só no rock hai guitarras e golpes de bombo. David, batería de Vetusta Morla, e DePedro subiron ao escenario varias veces a acompañar a Calexico mentres tocaban temazo tras temazo ata explotar nunha perfecta Guero Canelo que poñía a guinda no pastel da súa actuación.

Comezaba Nada Surf a tocar cando o retorno ao empapado PortAmérica obrigou a coller o chuvasqueiro no coche e cambiar o calzado para poder continuar bailando. A banda fundada nos anos 90 mantivo o listón ben alto traendo o seu son neoiorquino mentres o escenario recibía máis e máis xente disposta a deixarse empapar pola súa música deixando o mellor dos bailes para os temas máis coñecidos como Inside Of Love.

Dicir que Love Of Lesbian deu un directo espectacular xa non é novidade, por iso, falar da súa actuación o sábado é case redundar no que todos sabemos: son un dos mellores grupos en directo. O reloxo marcaba máis da unha da mañá cando Santi Balmés e o seu grupo saían ao escenario vitoreados por todo o PortAmérica. Si Tu Me Dices Ven, Yo Te Digo Ben Affleck, Club de Fans de John Boy, Pizzigatos… todas as cancións tiveron o seu espazo nun concerto no que, se ben é certo que se botaron en falta outras cancións, se fixo moi curto. Paraugas, capuchas e moitas melenas molladas foron a compañía perfecta para bailar e cantar en escasos 90 minutos de concerto que fan case visita obrigada calquera dos concertos que darán en agosto en Coruña e Pontevedra. Mentres un dos membros do grupo facía surf entre as mans do público, a banda despedíase a ritmo de Fantástico dando paso ao resto de grupos que completarían a xornada de sábado: El Columpio Asesino, Najwa Nimri e Eme DJ.

PortAmérica pareceuse, en certo modo, a Glastonbury: pes enlamados, chuvasqueiros, xente bailando baixo a choiva e moita moita boa música. Mágoa á mala noticia da cancelación da xornada do venres, a rápida resposta da organización permitiu gozar dun sábado sen máis incidencias que a necesidade de lavar a roupa nada máis chegar a casa. Agardemos que, para a edición 2015, a choiva e os lóstregos, sobre todo, sexan noticia pola súa ausencia.

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *