“Dedicarse á narración é unha escravitude na que non existen xornadas mínimas”

Borja Caamaño

Borja Caamaño é o que se podería chamar un home camaleón. Pasou por moitas profesións e fixo de todo mentres sacaba tempo para escribir catro novelas: Inside, Córam Pópulo, En Tierra de Nadie e a súa última, publicada este mesmo ano, Purgatorio. Ademais, tamén coescribíu o guión de Schimbare, película de Alex Sampayo que está seleccionada no Montreal World Film Festival.

– Pasaches por moitas profesións antes de atopar un oco na literatura. Espertaches un día dicindo “quero ser escritor” ou era un gusanillo que tiñas dentro desde había tempo?

– Supoño que un dos hándicaps do escritor, sexa no sector que sexa, é que require dunha labor previa na escuridade ata que chega a túa oportunidade. Nun principio é unha afección, case unha afección polo esforzo en soidade que implica, e vas facendo material para ensinar mentres te dedicas a moitas outras labores: comercial, atrezista, cámara, realizador… Polo que o gusanillo ou o gran verme (que diría eu) xa estaba aí pero non é ata que chega un día en que consideras que o material é bo, que te decides a envialo a un editor… e a outro, e outro e outro máis. [RISAS]

– Na túa web dis que os teus pais apagaban a TV cando eras neno para incitarche a escribir. Cal é o teu método actual? Agardas a que a musa che visite ou vas na súa busca?

– Dedicarse á narración é un traballo a tempo completo, unha auténtica escravitude na que non existen xornadas mínimas ou máximas, e descóbreste en calquera momento avanzando nunha historia. Podes estar conducindo, ou sacando ao can, ou tomando algo por aí, e as ideas aparecen dándoche unha chave para pasar ao seguinte andar da historia. Porque aínda que estea todo perfilado, o cal significa que fuches ti na procura da musa, sempre hai matices que se van mellorando ao longo do camiño.

Purgatorio é a túa cuarta novela. Ao grano, de que vai?

Purgatorio trata o tema da culpa e de como esta pode colapsar unha vida e, para reflectir isto, emprego a trama de Lázaro na busca de algo supostamente irreal que lle vai dar a posibilidade de recuperar a súa vida. Digamos que ten moito de road-movie, aínda sendo un libro, axitado con dúas partes de novela de redención e un chisquiño de historia iniciática coroando o combinado a modo de sombrilliña de papel. Unha personaxe ao borde do abismo, enfrontado aos seus propios demos, que recorrerá o páramo (tanto físico como emocional) para acadar algo moi similar a un oasis ao final do camiño.

– O teu estilo adoita estar acompañado por cualificativos como «sórdido» ou «escuro» e situado próximo á Xeración Beat. Considéraste ben descrito? Que che aporta este recuncho «diferente» da literatura?

– En todos os meus escritos hai un poso de sordidez; nas miñas primeiras obras era algo moi evidente, influenciado por xente como Ellis ou Palahniuk, pero co tempo creo que este compoñente foise diluíndo ata quedar coma un poso que, aínda que segue aí, xa non é tan patente. Creo que a escuridade é importante tanto na narrativa como na vida xa que sen ela non poderíamos apreciar a luz: polo momento gústame seguir a estela de Carver ou Bukowski, ensinando lugares fronteirizos e personaxes bastardos a nivel social, e deixo o blockbuster para outros. Non sei se en verdade poderíase dicir que estou próximo á Xeración Beat, gustaríame pensar que si, pero engadirei que ultimamente dixeron do meu estilo en Purgatorio que «lembra ao On the Road de Kerouack, pero dende a bancada de Auster»… e non sei que dicir fronte a iso.

– Co-escribiches o guión de Schimbare (película seleccionada no Festival de Montreal). Como é o paso dun campo como o literario ao cine? Onde atopas a maior limitación?

– Cando escribes debes ser consciente de que o teu campo é o narrativo, da igual que sexa novela ou teatro ou unha longa, e sen pasar por alto as diferenzas que ten cada un destes xéneros pensar en todo aquelo que teñen en común. Gústame a novela porque tes o control absoluto de todo e, tamén, porque podes indagar nos miolos das personaxes dun xeito que o cine limita. Por outra banda é algo moi satisfactorio ver como grazas á aportación dun enorme equipo de xente algo que escribiches cobra forma. Un ente descarnado collendo corpo. Porque dende o atrezista ata o director que leva a batuta, pasando polos actores e vestiario ou salón de peiteados, cada quen pon a súa particular visión da imaxe mental que lles produciu o teu texto e xorde ese «cadáver exquisito» que case é unha película. Penso que as limitacións en calquera campo as pon un mesmo.

– Despois de catro novelas, guións, curtas… Quédanche ganas de facer máis? En que proxectos estás inmerso agora?

– Pois nestes intres estou rematando a co-escrita da miña terceira obra de teatro, neste caso orientada para os nenos… nada de escuridade nin sordidez. [RISAS] Por outra banda, hai un par de proxectos para longametraxe case rematados e o desenvolvemento dun documental que me quita o sono, porque non teño tempo para todo, e por riba de todo isto o acuciante desexo de pórme coa miña quinta novela: continuación da primeira, chamarase Outside, pero como xa dixen en ocasións non chegan as vinte catro horas do día para todo… eu firmaría por ter catro mais.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *