Larga vida a Guadalupe Plata!

Que Santiago é sinónimo de choiva non é nada novo. Que en pleno mes de maio a noite fose semellante a unha de febreiro tampouco é noticia. Que un concerto como o de Guadalupe Plata só enchese media Sala Capitol si é noticia… tristemente. Quizais pola pantasma dos exames caendo sobre a cidade universitaria por excelencia todos os que outrora terían completado o aforo da sala preferiron cambiar a música polos apuntes. Gravísimo erro. Guadalupe Plata ofreceu un dos mellores concertos que Santiago tivo a sorte de acoller. O xustificante desta atrevida afirmación son as maniotas provocados polos incesantes bailes da noite do venres.

Guadalupe plataAntes de falar do concerto, é necesario facer unha paréntese para falar do teloneiro: João Tomba. Presentado cunha voz en off que anunciaba a reencarnación deste (suposto) famoso rockeiro vigués, saltaba ao escenario pasadas as dez e algo da noite. Unha mestura entre Joey Ramone e Mario Vaquerizo que conseguiu arrancar risas e bocexos coa súa peculiar actuación.

Foi sobre as once da noite cando, os Guadalupe Plata subían ao escenario dunha Sala Capitol a medio encher. Sen saudar ao público, cunha iluminación simple e fixa que non variaría durante todo o espectáculo, tocaron as primeiras notas cunha extrema precisión provocando que os primeiros bailes comezaran a xurdir case de forma involuntaria. O batería e o baixista debuxaban unha sólida e rítmica base sobre a que o guitarrista e vocalista engadía doses de loucura distorsionada. Blues? Rock psicodélico? Difícil de encadrar nunha única categoría semella que “temazos” é a única etiqueta que pode describir de forma correcta a este grupo.

A pouca asistencia converteuse no mellor aliado dos que querían bailar este ‘Boogie de la muerte’ como se a fin do mundo estivera tendo lugar nese intre. Só dez segundos separaban unha canción doutra facendo que o concerto semellase unha montaña rusa na que os espectadores cruzaban o deserto ao volante dun Cadillac descapotable. Sen falar co público, Guadalupe Plata falaba na súa música, entregando corpo e alma en cancións como ‘Rata’, ‘Baby, me vuelves loco’ ou ‘Lorena’ nun concerto de hora e media que fixo bailar ata os mortos.

A todos os que perdestes a ocasión de menear o esqueleto só vos podo dicir: “Jesús está llorando / porque habeis sido malos”. Larga vida a Guadalupe Plata!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *