Estas son as empresas que fan mellor marketing en Galicia

anuncio r

Os anuncios son unha parte moi importante da nosa cultura contemporánea: son analizados, son compartidos, son visionados (ás veces, incluso por vicio!) e son cápsulas de comunicación. Os seus efectos van – nalgunhas ocasións – incluso máis alá de simplemente vender o produto que anuncian e algúns deles acabaron por converterse en referentes culturais, en clichés ou en influencias para crear formas de comunicar. Os anuncios tamén poden ser lidos como unha lección de historia (lembrade aqueles anuncios galegos dos anos 20 e o que nos dicían sobre a Galicia da época). Todo isto para dicir que os anuncios son algo máis que ferramentas de marketing, polo que merecen ser analizados dun xeito máis complexo.

Por exemplo, é interesante saber canto, como e cando están a gastar agora as empresas en marketing en Galicia. E iso é o que desvela o Informe Avante de Marketing en Galicia, que onte foi presentado en Santiago no marco do I Foro de Marketing e Ventas. Renovarse para vender, que organizou APD. O informe toma como panelistas ás empresas top galegas (por facturación, as máis potentes: quixeron contar con 40 marcas e conseguiron convencer a 34) e pregúntalles polas súas inversións en publicidade, a súa visión da realidade económica galega e a súa opinión sobre a súa competencia. E desde modo podemos descubrir cales son as compañías que mellor o fan en publicidade.

Cales son as empresas que fan mellor marketing en Galicia? Segundo as propias empresas galegas, a mellor compañía en marketing en Galicia é Estrella Galicia. O 100% dos panelistas do Informe Avante citaron á marca cervexeira de Hijos de Rivera. Nos primeiros postos do ranking das mellores tamén están Inditex (neste caso o informe aglutina a todas as marcas do grupo), Gadisa e R Cable e Telecomunicacións. As tres conseguen situarse por riba do 50% de recoñecemento. Por debaixo delas están outras marcas, como Coren ou Pizza Móvil.

Todas estas empresas inverten moitos millóns en anuncios. A inversión total das 34 empresas que participaron no panel do Informe Avante dedicaron 35,3 millóns de euros ás actividades de marketing en 2013 e subirán o seu presuposto hasta o 36,1 millóns de euros en 2014.  A razón deste crecemento na inversión publicitaria está no seu optimismo pola situación económica. O 70,6% enquisados pensa que a situación económica vai mellorar en Galicia e so o 2,9% cree que empeorará. Tamén consideran que está mellorando a confianza do consumidor, así que agora mesmo o mercado estaría nese punto de cambio de tendencia no que a xente comeza (outra vez) a consumir.

Por outra banda, eses millóns de euros destinados a publicidade seguen uns camiños moi tradicionais. A prensa e as publicacións periódicas, a radio ou a televisión son quen seguen acaparando – e continuarán no ano próximo – o volume máis alto de inversión. Aínda que a presencia en internet é elevada, as empresas top galegas non inverten moitos cartos en conseguilo.

Shares

1 comentario

  • Jacobo Da Rocha di:

    Penso que hai moitas máis empresas en Galicia que tamén deben ser mencionadas. Ainda máis, o importante é crear emprego e que a nosa xente xove non teña que hacer as maletas. Máis traballo na nosa terra!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *