Vídeos para a fin de semana: 10 filmes con familias disfuncionais

Este domingo é o día da Nai, esa data comercial que blablabla. Para homenaxear ás nosas nais (e por extensión ao resto da familia co que comeremos este domingo) amosámoste como poderían ser as cousas se tiveches crecido nunha familia disfuncional, que si, dan moito xogo no cine, pero a vida real seica é outra cousa.

Da familia Tenenbaum aos Foxworth, hai clans familiares entrañables e outros que dan moito medo, pero todos, todos, todos, fan que nos decatemos (con tristura ou -habitualmente- con alivio) de que a nosa familia non lles chega á sola do zapato no que a bizarrerías se refire.

1. Os Tenenbaums

O pai volve a casa tras tropecentos anos e finxe ter cáncer para recuperar á muller e aos seus tres excepcionais fillos. Polo demais son todos raros, pero con estilo.

2. Little Miss Sunshine

Un avó cocainómano, un pai (que se cre) gurú da autoaxuda, unha nai saturada, un tío suicida, un irmán existencialista e unha protagonista normaliña que quere ser raíña da beleza. Que máis se pode pedir?

3. Xente corrente

Nunca é fácil superar a morte dun irmán ou fillo, pero moito menos se sodes unha familia de inválidos emocionais.

4. Canino

Uns nenos crecen sen saír xamais da súa casa e crendo toda clase de mentiras nas que os seus pais os educan. Por suposto, iso está abocado ao desastre.

5. Grey gardens

Un documental que conta a historia dunha nai e unha filla (familiares de Jackie Kennedy), xa maiores, case pobres, pero que viven nunha enorme e decadente mansión. Por suposto, grítanse moito e non paran de falar (con amargor) dos tempos pasados.

6. Temos que falar de Kevin

Que facer cando o teu fillo é un psicópata?

7. A gata sobre o tellado de zinc 

A inminente morte do pater familias crea moita tensión no ambiente, cando se reúnen pais, fillos ( un atormentado e borrachuzo, outro ambicioso e oportunista) e fillas políticas.

8. Flores no ático

Catro nenos viven escondidos nunha habitación dun vello caserón dos avós, con avós que nada queren saber deles e unha nai que deixa tamén de velar por eles.

9. As virxes suicidas

O fanatismo católico non só leva a que unha das fillas se suicide, tamén a encerrar ás catro restantes en casa, para manterllas a salvo das miradas lascivas dos rapaces.

10. American beauty

Que o teu pai, aburrido da vida, da muller, do traballo, e en plena crise dos 40 , esperte do seu letargo ligando coa túa mellor amiga paréceme malo suficiente.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *