Os festivais que veñen: maio 2014

festiAínda que hoxe non o pareza, dentro dunha semana estaremos xa en maio, e a maio xa non lle perdoaremos que nos faga isto. Nada de chover e facer frío! En maio esiximos primavera das de sol e boas temperaturas coa mesma convicción coa que Calvin lle esixe euforia á vida. Porque en maio empezaremos a ir a festivais xa máis en serio e non queremos pasar frío. Que festivais son eses? Como cada mes, aquí vai a nosa selección dun festival en Galicia, outro no resto de España e outro no estranxeiro:

– En Galicia. Ciclo Imperdibles. Pontevedra, 1 e 14 de maio. Xa, xa sei que isto non é un festival e que xa leva dous concertos, pero de verdade que busquei e busquei e non atopei festivais en Galicia para este mes! (se sabedes dalgún, deixádeo nos comentarios). O que si hai son moitos concertos. O Ciclo Imperdibles, por exemplo, que ten aínda dúas datas en maio, levará a pontevedra a Zoe e Vetusta Morla o día 1 e a Eli Paperboy Reed o día 14.

– En España. SOS 4.8 2014. Murcia, 3 e 4 de maio. Damon Albarn. Deixaríamolo aí, porque para nós é suficiente (e para vós debería selo tamén!), pero se non credes que chega para para facer unha viaxe a Murcia e descubrir se de verdade é tan fermosa, aquí van unhas cantas razóns máis: Dry The River, Phoenix, The Kooks, Fangoria, Él Mató a Un Policía Motorizado, León Benavente, The Prodigy, Rinôçérôse e moitos máis. E arte e conferencias de escritores. Todo por 50 euros (pero esta noite aumentan os prezos!).

– No estranxeiro. This is not a love song. Nimes (Francia), 29-31 de maio. É posible que este festival só estea nesta lista polo seu nome, pero despois botándolle unha ollada ao cartel non está nada nada mal: Midlake, Ty Segall, Lee Ranaldo, Slowdive, The Fall, Cat Power, The Black Lips, Neutral Mil Hotel… E as entradas están a 42 euros polos tres días!

Shares

1 comentario

  • Fabian di:

    O típico festival de maio era o FdN, e non sei como sairá o experimento de mudalo ao verán e á Illa.
    E no SOS vai tamén Is Tropical!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *