Brixton ou como o Londres perigoso se encheu de hipsters

Brixton Village

Brixton Village

Hai algo fascinante en descubrir un novo recuncho nunha cidade que xa coñeces, unha zona na que nunca pensaras, algo que era tan só un nome nun mapa ou nalgunhas cancións. Pisas o barrio e sentes ese pracer estúpido de cando recoñeces que estás ante un novo lugar favorito. Paso a paso, cos ollos ben abertos, créndote explorador. E es ben consciente de que non estás nunha terra exótica, e que nin sequera estás a descubrir algo que non soubese xa a xente. Pero non importa. Ti non o sabías. Eu non sabía moito do barrio londiniense de Brixton ata que puxen o pé nel. E a idea era escribir sobre “Londres fóra do mapa”, mandándovos a Hampstead, Abney Park, Hackney, Brixton e Clapham. Pero Brixton merece un artigo completo.

Quizais xa saibas algo deste barrio (quizais xa o saibas todo, non me fagas caso, entón). Brixton soa a perigo, ás Guns of Brixton de The Clash, ao Electric Avenue de Eddy Grant, a violencia e lugares nos que o turismo non é ben recibido. E ata hai non moitos anos era así. Brixton era (é? – falaremos máis adiante diso) un dos barrios máis pobres de Londres, o equivalente ao Harlem de Nova York coa súa comunidade negra (maiormente xamaicanos), problemas de drogas, violencia e disturbios raciais (dos que falaban The Clash). Brixton acollía a xente independente, valente e con certo grao de marxinación social, e aínda que había moito movemento artístico e de okupación, non era un lugar que o visitante medio de Londres quixese ver.

Pero entón alguén correu a voz. Brixton non era tan perigoso como auténtico, un barrio no que poder ser diferente, no que o exotismo que non se ve nas zonas boas está á orde do día. Ademais é barato. E aquí comezou o renacer… e os problemas.

Cando pisei Brixton por primeira vez a semana pasada non sabía moito do barrio (agora teño ese profundo coñecemento de quen durme dúas noites nun lugar e xa se considera experto). Dixéranme que era a nova zona cool, que o East End con Hackney e o seu Broadway Market xa non molaban tanto, que agora había que ir cara o sur; e tamén me falaran dun mercado no que era posible atopar produtos e especias perfectos para a cociña africana e caribeña. Tamén sabía as cancións.

O que vin foi un contraste fantástico que provocou tamén sentimentos contraditorios. Vin o Brixton Market e a Brixton Village, dúas zonas de mercado cuberto nas que conviven os habitantes de Brixton de toda a vida que van a comprar o peixe e a froita, cos cafés, restaurantes e tendiñas hipster. Pero en todo isto, en marabillarse co contraste, en pensar que é cool estar nese barrio con esa comunidade tan auténtica, hai algo que quizais non sexa tan bo e que ten tamén dividida á comunidade de Brixton.

Brixton PoundPor unha banda, ninguén dubida que o renacer do barrio, que telo convertido nun lugar ao que a xente quere ir a saír (a nightlife é xenial), a cear ou incluso a vivir é algo bo. Xa non é un gueto e xa non é un lugar perigoso se vas polas rúas axeitadas. O sentimento de comunidade é ademais moi grande, e teñen ata a súa propia cervexa e a súa propia moeda, o Brixton Pound, que busca impulsar a economía local.

A unhas poucas estacións de metro do centro de Londres, Brixton está moi ben comunicado, pero nin sequera é moi necesario saír do barrio para levar unha vida completa. Hai galería de arte, un cine independente deses que xa quedan poucos (o Ritzy), un parque xigantesco e fermoso polo que pasear (Brockwell Park), librería de segunda man, sala para concertos grandes (a Brixton Academy) e moitos sitios cool nos que comer e beber cousas de todo o mundo a bo prezo. A sensación que se ten é a de estar nun barrio de vida vibrante, de moita diversidade. Pero despois está a parte negativa deste renacer: a xentrificación.

Este palabro é o que describe o que pasa en Londres (e en moitas outras cidades) cada pouco tempo: un barrio pobre é escollido por artistas e profesionais novos para vivir polos seus prezos alcanzables. Esa xente fai que o barrio se poña de moda. Todo o mundo quere vivir nel, os prezos soben e a xente que viviu sempre alí, de súpeto, xa non se pode permitir a mesma vida. Moitos comercios locais pechan e outros novos, de xente de fóra que paga máis polo aluguer, abren. Unha revitalización económica dun barrio é positiva ata que remata en desafiuzamentos.

En Brixton hai quen critica a esa nova onda de veciños hipsters que se emocionan ante a posibilidade de ter unha carnicería old-school (é dicir, unha carnicería de barrio normal) xusto ao lado dunha tenda de roupa vintage. “É fantástico”, din, como criticaban nun interesante post no BrixtonBuzz, como se a novidade fose o carniceiro. Sabedes de que falo, non?

A pesar de todo isto, Brixton é un lugar que debe ser visitado en calquera viaxe a Londres, a ser posible tras ter lido máis información sobre a súa historia. Saber o que estás a ver para non ser só outro moderno marabillado ante o espectáculo de música xamaicana auténtica ao lado do Champagne & Fromage bar no que te estás a beber unha champaña. Marabillarse non está prohibido, claro que non, é ata obrigatorio en calquera viaxe. Pero mellor se antes se profundiza nas raíces de todo. Ser como a protagonista de Common People, que cría que “o pobre é cool” é o último que queremos.

Deixado isto claro, we’re gonna rock down to Electric Avenue.

Fotos | disquecool

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *