Silicon Valley: a hora dos geeks chega á HBO

silicon valley 2

A película de A rede social sobre o nacemento de Facebook demostrou unhas cantas cousas. A primeira era que a xente si tiña interese no lado business das novas tecnoloxías. E por xente penso en persoas que non necesariamente entran en TechCrunch cada día. E polo lado business penso, claro está, en todas esas historias de traizóns e millóns de dólares que son o día a día na actualidade tecnolóxica (pero da que a xente de a pé non se decata… a menos que Facebook merque Whatsapp por unha morea de millóns).  A seguda é que o techie pode dar moito xogo. Porque o mundo das novas tecnoloxías é un niño de tramas dignas de calquera culebrón.

E se unha morea de libros xa intentan adiantarnos os secretos de éxito das empresas que triunfan na capital das novas tecnoloxías (xa sabedes, Silicon Valley) e outros o que esconden debaixo das alfombras, a televisión tampouco é que teña ata agora sacado moito partido do mundo extremo das novas tecnoloxías e as empresas que as crean. Ata agora: con HBO detrás e coa vontade de facer unha comedia, chega Silicon Valley, unha serie desas de media hora que se ven en nada e que se achega a todo ao nacemento dunha start-up. Unha de tantas que van cambiar o mundo (e non só o das novas tecnoloxías…)

O resumo é simple: Richard é un rapaz deses con poucas habilidades sociais e roupa que non lle presta moito que está traballando nunha casa de Silicon Valley – que funciona como incubadora startup (xa sabedes, sitio no que traballan un montón de emprendedores que están facendo o próximo Google) e está rexida por un tipo que unha vez tivo un pouco de sorte – nunha ferramenta, Pied Piper, que che axudará a descubrir se a música é pirateada. Terriblemente aburrido. Pero un día, despois de que uns ‘brogrammers’ (amigos que van de guays programadores) se poñan a fisgar no que está a facer Richard, comeza unha escalada na que todos os gurús de Silicon Valley queren facerse coa ferramenta.

A serie é unha sátira brutal do mundo de Silicon Valley e todas a burbullas que se están a formar sobre as novas tecnoloxías. Para que vos fagades unha idea, todo comeza nunha festa, na que se celebra unha venta dunha compañía por 200 millóns de dólares a Google. “Uns tipos fan unha merda de software que se cadra algún día serve para algo”, queixase un dos protagonistas ao ver a festa xigantesca na que están, na que hai cantantes famosos, famosos tech e novos ricos. E cando os novos ricos suben ao escenario adoptan ese discurso miss Universo tan de moda nas novas tecnoloxías (xa sabedes: eu non estou aquí para facerme rico, o que quero é cambiar o mundo). (Exemplo…)

Pero non só satirizan os movementos brutais de capitais (con puxas nas que se alcanzan os millóns de dólares como quen oe chover) se non tamén esa cultura empresarial que están impoñendo os xigantes TIC  e que foi xa levada ata a caricatura (xa sabedes, todas esas empresas que se cren Google de súpeto). Esas reunións en lugares divertidos, todas esas cousas que disque fan equipo, eses espazos abertos que agora están por todas partes, todas esas cousas absurdas que hai que ter se non queres ser unha empresa demodée. O equipo de marketing de Holi (a empresa á Google onde empeza o boom de Pied Piper) ten ‘bikemeatings’ (fan as reunións en bicicletas xigantes e falan mentres pedalean en comunidade). E mentres Peter Gregory, un inversor en serie deses dos Estados Unidos, alerta de que a universidade é Satanás (ou como el di, unha trampa para atrapar aos coitados da clase media…) e pide que todo o mundo deixe de estudar (e un home con look programador dos 80 chámalle fascista).

E aínda que Eric Schmidt (o presidente de Google) ten un cameo (e si, é o de verdade) os gurús de verdade e os inversores en serie xa dixeron que a serie é unha aberración. Tendo en conta a serie fai humor coas súas caricaturas é de entender que non lles guste moito… Aínda que, por suposto, as cousas que pasan na serie teñen un eco claro no mundo real que podedes atopar sen moito esforzo. Aí está, por exemplo, Peter Thiel… un señor con moitos cartos (fundou PayPal)… que ten unha serie de bolsas… para que os universitarios deixen a universidade e sexan entrepreneurs. Ou aí están os miles e miles de millóns que Facebook paga por calquera cousa. Digamos Instagram. Digamos Whatsapp.

 O piloto promete rascar moito sobre o mundo das startups da capital das novas tecnoloxías. Gustará aos fans do techie. E gustará a quen están ata as narices da moda dos entrepreneurs. Agora ben… convencerá a aqueles aos que non lles interesa nin unha nin outra cousa? Se conseguen ir máis alá do tech e sacar partido dos personaxes (teñen a un satanista!!), seguramente si.

(PD: E non, non parece o novo The Big Bang Theory, non deixedes que vos leven por aí)

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *