O disco da semana: Juventud Infinita, de Novedades Carminha

novedades-carminha-juventud-infinitaCruzas a meta. Foi un ano duro, pero a recompensa sempre chega. Cando curras. Iso che dicía o teu pai de pequeno, que te esforzases, e que terías o teu premio. Es maior para crer todo o que teu padre che dicía cando a túa única preocupación era dar o teu primeiro morreo, pero o certo é que esta vez gañaches. Chegaches de primeiro. Sobes ó podio onde te agarda un botellón de cava ben frío, listo para ser axitado, destapado e regar ó xentío que agarda ansioso poder aclamarte só a ti, aí, no alto. Cumpres co protocolo, e deixas o botellón apartado, ó pé do podio, tras finalizar a cerimonia de entrega de medallas. Horas despois, mentres os incansables empregados de limpeza se afanan en deixalo todo impecable, un deles descóbrea, abandonada. Bótalle un grolo prohibido, quizais imaxinándose no seu interior vencedor do campionato en cuestión. O sabor non é malo, pero xa está algo quente e perdeu o gas, non pica, non che fai chorar os ollos. Non está mal, pero antes molaba máis. Como Novedades Carminha e o seu ‘Juventud Infinita’.

Aínda que o certo é que máis que requentados, ‘Juventud Infinita’ déixanos un chisco fríos. Fainos bailar, divírtenos, que para o caso foi o que sempre buscaron Novedades Carminha coa súa música, entreternos sen maiores historias. Pero agora, mentres eles van medrando en idade, semella que queren plasmar esa madurez no seu son, e o resultado non era o que buscabamos. As letras seguen ao seu, canallas, descaradas, pero o son tan coidado, tan ben producido, tan claro, restoulles encanto. Que Novidades Carminha adique un tempo a ter un son máis atendido non é o que buscamos. Queremos o salvaxismo da outra etapa, a provocación, a actitude que agora aparentan pero que na música non acaba de plasmarse completamente. É como se dentro levasen esa fera que sabemos que levan, pero que tentasen domesticala pouco a pouco. E o que queremos é que a besta faga anacos ao domador, que crave as unllas e o esgace. Juventud Infinita, o tema, móvenos o cú abondo, pero xa deixa esa sensación de vixilancia dos matices. Ben, pero queremos a uns Novedades Carminha máis afastados de Triángulo de Amor Bizarro.

Qué traviesa estás, di o comezo de Quiero verte bailar, un corte que achega a Novedades Carminha a un pop máis anello, case á época na que Alejandro Díez manexaba os tempos da era pop ó fronte de Los Flechazos. Teoricamente todo debe soar fresco e divertido, pero hai algo que, mirando ó pasado, cústanos crer. Como o canalla das letras de Antigua pero moderna, recubertas de melodías algo pasadas de docilidade. En todo caso, se tentas ser menos concienciudo, gozar de “Juventud Infinita” non é, nin moito menos, complicado. Devórame otra vez acádao. Logra lembrarnos aquel descaro de Amor rural, e facernos pensar que ó mellor todo está nas nosas mentes, que os rapaces non se fan maiores. Que esa querenza por vestir de mod o francés en Et moi, et moi, et moi paga moito a pena. Que hai que aplaudir a valentía. O problema é que antes todo semellaba máis valente, menos calculado.

Así que ao final semella como se fixera falla que alguén escribise o teu propio guión dun capítulo de Cuéntame cómo pasó, no que soen os Novedades Carminha de antes, mentres o que tes ó lado defende “Juventud Infinita”, para que poidas soltarlle “si, pero é que aquí eran más auténticos”. Na segunda metade hao de todo, dende unha Vaquilla que non está moi á altura, ata esa lembranza á lingua nai en Non quito o chándal realmente logrado e divertido. Achegamentos ó noise, ó dun Tú antes molabas que case nos estaba lendo o pensamento ó escoller título, pero que se trata dunha das cancións máis sólidas de ‘Juventud Infinita’, aínda que a solidez sexa algo que, neste caso, nos dea por saco. Un prato ben presentado cando ti antes sempre ías a restaurantes de menú do día. A flaccidez previa a buscar un segundo coito, contra a enérxica erección adolescente. E algunha gozada ocasional como a final Fiesta tropical, dos meus cortes favoritos de ‘Juventud Infinita’. Un disco que amosa a uns Novedades Carminha ós que a moza lles presentaría á súa nai, en lugar de telos escondidos todo o tempo que poida.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *