Cloak: a app para evitar á xente que che cae mal

cloak-app-640x563

Por fin, amigos, por fin. Hai xa un tempo que existe un movemento alternativo de apps que buscan fuxir diso de ter moitos amigos e necesitar a aprobación de todo o mundo con “gústames” e comentarios ofrecendo todo o contrario: un pouco de soidade e anonimato. Son as apps antisociais, das que a de hoxe é un exemplo sinxelamente perfecto: recibes avisos cando os teus amigos están próximos… para que poidas fuxir.

Trátase de Cloak, una app que polo de agora está só dispoñible para iOS e que utiliza os datos de xeolocalización que a xente comparte de forma pública en Instagram e Foursquare para saber onde está cadaquén. Así, se nesas redes sociais segues a alguén que en realidade preferirías non ver cara a cara, non tes máis que marcalo cunha bandeira. A app, que promete “modo incógnito para a vida real”, fará o resto: se detecta que esa persoa non grata se atopa a un radio de 800 metros (por defecto, podes cambialo), recibirás unha notificación. Asegúrate de mirar ben no mapa e correr en dirección contraria e non cara o teu inimigo.

A app foi creada polo programador e creativo Brian Moore e por un ex director creativo de Buzzfeed, Chris Baker. Este último, de feito, ten xa experiencia no mundo antisocial, xa que é tamén responsable de Rather, unha extensión que substitúe as cousas que non che gustan do teu feed de Facebook (bebés, vodas, spoilers, xente que che cae mal, etc.) por imaxes de gatiños (si, son os mesmos de unbaby.me). E non só iso: lanzou tamén o servizo Hate with Friends“, que axuda a descubrir se tes amigos en Facebook aos que odias e que senten o mesmo por ti.

Baker asegura (e coincidimos con el) que o das apps antisociais é algo moi normal e unha resposta lóxica á situación actual de Internet, e que nos vindeiros meses non farán máis que proliferar. “Cousas como Twitter ou Facebook son ascensores cheos nos que estamos todos apiñados… penso que o antisocial está a crecer”.

Se tes un iPhone, xa sabes, proba Cloak e cóntanos se é realmente tan útil como prometen. “Evita exes, compañeiros de traballo, a ese tipo ao que lle gusta pararse a charlar… calquera a quen preferirías non ver”.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *