De verdade volven os monóculos?

haddockÉ posible que xa fixésemos esta confesión noutro momento, pero aquí vai de novo: escribir sobre tendencias deixa moito espazo para a imaxinación, moito espazo para o desexo. Porque a liña que separa ao cazador do creador de tendencias é moi fina e a tentación de lanzar unha idea ao mundo, dicir que é cool e esperar a ver se pasa algo é moi, moi forte. Isto é o que explica o de que hai cousa dunha semana o New York Times falase dunha nova tendencia que estaba a empezar entre os hipsters: a de usar monóculo.

Imaxinamos a Allen Salkin, o autor do artigo, escribindo a peza sabendo que estaba a crear algo fantástico. Todo no texto é xenial e tan só polo que debeu de desfrutar o xornalista mentres escribía paga a pena a revolución que creou en Internet. Moitos medios fixéronse eco da noticia, pero poucos tomándoa en serio: en Slate ofreceron ideas novas de tendencias que podían resucitar no New York Times (desde o colo clásico do século XVII, ese tipo Shakespeare, ata a toga grega), en NY Mag lembraron que o xornal xa intentara devolver os monóculos á moda en varias ocasións desde 1902, e en Esquire fixeron un post concienciador titulado “Di non ao monóculo“. O mellor, claro, é que en realidade se vas polas rúas de Nova York, incluso polas máis hipsters, non ves a ninguén co accesorio de moda.

Pero non podemos culpar ao autor da peza por intentar algo así. Quen non querería facelo? Para aportar rigor xornalístico dá algúns exemplos desta suposta volta: un rapeiro que leva monóculo, o dono da tenda online The Monocle Shop dicindo que as ventas se duplicaron nos últimos cinco anos, e ata un “prognosticador de tendencias” inglés que afirma que os “new gents”, ese subgrupo hipster que viste de tweed, está a engadir a lente como accesorio preferido. Non hai dúbida, verdade? E, de todas formas, cantos hipsters teñen que levar o monóculo para que este sexa tendencia?

E, por absurdo que pareza, o certo é que ten bastante sentido. Nun grupo urbano que ama todo o antigo e vintage, que desexaría vivir noutro século por cuestións de estilo (pero coa tecnoloxía actual), que cre que non había ninguén máis cool que os seus bisavós nesas fotos que atopou no fallado, a volta do monóculo era ou debería ser só cuestión de tempo. Ser como o capitán Haddock (cando se volve rico, na súa época de mariñeiro non levaba lente) é algo ao que todos deberíamos aspirar.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *