Chocolate Chip Cookie Milk Shots: o novo invento do pai do cronut

Primeiro foron os cupcakes. Logo chegaron os cakepops. Despois o cronut. E agora con sorte é o momento para os Chocolate Chip Cookie Milk Shots, que veñen a ser cuncas feitas de galleta e cheas de leite e que agardamos que se convertan na próxima sobremesa de moda. A idea ten detrás a Dominique Ansel, o pai dos cronuts e o posiblemente o home máis innovador do panorama das sobremesas.

Ansel presentou o novo doce no seu perfil en Instagram, un adianto do que ía servir no SXSW, a mega convención/feira/sitio no que se presentan todas as cousas que molan que se está a celebrar estes días en Estados Unidos. As Chocolate Chip Cookie Milk Shots foron un especial para a feira, aínda que tendo en conta a influencia que Ansel ten no mundo dos doces pode ser o primeiro paso para unha moda. O chef xa confirmou ademais que a sobremesa estará a venda na súa pastelería de Nova York (xa sabedes, a mesma na que había colas de horas para facerse cun cronut), onde as venderán polas tardes con leite orgánico recén servido.

A receita é máxica e a galleta que sirve de recipiente para o leite consegue manterse crocante e dura aínda que estea rodeada de leite. O leite, por suposto, é fresco e está líquido. “Se todo o mundo bebe leite con galletas, deberías tamén facer unha sobremesa que permita que ambos vaian xuntos”, reflexionou Dominique Ansel, tal e como publica a revista gastronómica Eater.

Aparecerán por todas partes agora  as Chocolate Chip Cookie Milk Shots? Tendo en conta o boom que está a vivir o cronut (a pesar de ser unha marca rexistrada) case poderíamos (ben!!!) apostar que si.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *