5 vellas estacións de tren reconvertidas

Que fermosas eran antes as estacións, grandes, altas, ateigadas de xente entrando e saíndo, bicando, correndo, chorando (un pouco como hoxe os aeroportos). Ben é certo que hai aínda moitas estacións que seguen a ser as que eran (só que con menos xente), pero noutros casos cando a vella estación quedou pequena, ou  afastada, ou inservible pola razón que fose, simplemente pechou.

E grazas se queda o edificio, porque xa sabedes que aquí somos moi dados a derribar o vello para construír o feo (e Vigo é una boa triste proba). Pero noutros sitios fíxose mellor, e a vella estación adaptouse, reconverteuse e hoxe alberga un restaurante, unha librería, un hotel ou un museo. E hai que recoñecer que o encanto nostálxico dunha vella estación de tren é algo moi difícil de superar.

Vexamos algunhas das ex-estacións mellor aproveitadas:

1. Museo d’Orsay

Museo d'Orsay

Trátase dunha das reconversións máis famosas, porque o museo máis visitado de París descansa no interior da antiga estación d’Orsay, deseñada a finais do século XIX por Victor Laloux para a Exposición Universal de 1900. Xa en 1939 as plataformas resultaban  demasiado cortas para os trens modernos e nos anos 70 pechou definitivamente as súas portas, pero en 1986 volveu a abrilas, agora xa como museo.

Tamén a vella estación de Hamburgo é hoxe un museo, neste caso, de arte contemporánea.

2. Restaurante Grand Concourse

Restaurante en estación

Grand Concourse é hoxe un restaurante, pero en 1901 inaugurouse como Estación Central de Pittsburgh, un edificio monumental de estilo eduardiano onde paraban 76 trens ao día. En 1978 volveu abrir como restaurante conservando en 90% o aspecto do espazo orixinal.

3. Sala de concertos Júlio Prestes

sala de concertos Julio Prestes

A estación Júlio Prestes en Sao Paulo abriu en 1875 co obxectivo de favorecer o comercio de café. Abandonouse nos anos 70, en en 1998 a compañía de ferrocarrís, completamente arruinada, cedeu o edificio ao goberno da cidade, quen decidiu convertelo na sede da Orquestra Sinfónica de Sao Paulo e nunha incríble sala de concertos.

4. Centro comercial Estaçao

Centro comercial Estación

En Curitiba, tamén en Brasil, a vella estación, aberta en 1883, acabou pechando como consecuencia da baixa de viaxeiros. Desde 1997 é un gran centro comercial, con 180 tendas, 10 salas de cine, un auditorio e varios restaurantes. Por no falar dos catro museos, un dos cales explica a propia reconversión do edificio.

5. Doce fogar

Estación casa

Non todas as estacións quedaron como edificios abertos ao público, hai quen fixo nelas o seu propio fogar. É o caso de Anna e Mark Gudge, quen mercaron a Long Melford Station en 1994. Podes ler a súa historia completa en The Telegraph. Pero non son os únicos, hai un montón de estacións reconvertidas en casas polo mundo adiante. E tamén hoteis como La vieja estación, en Aconcagua.

Fotos | 1, 2, 3, 4

Shares

    2 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *