Vídeos para a fin de semana: filmes de amor (cool) (II)

Ah, que non vos enterarades? Hoxe é San Valentín! E como todo 14 de febreiro hai dous grupos de persoas ben diferenciados: os que no canto de ollos hoxe teñen corazóns (si, como ese emoji do Whatsapp) e os que levan unha nube negra enriba, van vestidos de negro e miran con odio ás parellas (recomendámosvos o noso post de desamor indie do ano pasado). Despois está o resto, aos que en realidade non lles importa moito que sexa San Valentín (a maioría? posiblemente) e saben que non é máis ca unha escusa para incitar ao consumo e para axudarnos aos xornalistas a encher liñas e facer posts con moitas visitas. Coma este. Hai un ano recomendamos unhas cantas películas de amor, pero amor cool. Esta é a segunda entrega:

– ‘Take This Waltz’ (2011). Dirixida por Sarah Polley e protagonizada por Michelle Williams, Seth Rogen e Luke Kirby. Un matrimonio en principio feliz e a aparición na súa vida dun atractivo novo veciño.

– ‘Like Crazy’ (2011). Os perigos de estudar no estranxeiro: ela é inglesa e el americano, coñécense cando ela fai un ano de intercambio en Estados Unidos. Está máis tempo do que permite o seu visado, así que a botan e xa non lle permiten volver. Relacións a distancia.

– ‘HappyThankYouMorePlease’ (2010). Dirixida e protagonizada por Josh Radnor (si, Ted de ‘How I Met Your Mother’), conta a historia dun grupo de mozos de Nova York intentando atopar o amor e todas esas cousas. No medio, un rapaz ao que Ted (chamémolo así, vale?) adopta de forma non oficial ao atopalo só no metro. Está en Filmin.

-‘Bright Star’ (2009). Un pouco de cine de época nunca vén mal para falar de amor, non? E se é cine de época dirixido por Jane Campion, contando a historia do poeta inglés John Keats e protagonizada polo noso adorado Ben Whishaw (‘The Hour‘), moito mellor. En Filmin.

– ‘My Blueberry Nights’ (2007). Unha de Wong Kar-wai sempre vén ben. Aquí temos a Jude Law e a Nora Jones e unha historia de amor a través de postais. Postais! Somos fans inmediatos. E, por suposto, Cat Power cantando The Greatest de fondo. En Filmin.

– ‘Jules e Jim’ (1962). Un clásico, unha de Truffaut. Un triángulo amoroso bastante enfermizo (moito, se o pensades ben) que nos encanta ver unha e outra vez porque é Truffaut e é a nouvelle vague. En Filmin.

– ‘As vantaxes de ser un marxinado’ (2012). Un pouco de amor adolescente sempre salva estas listas: un rapaz tímido e carne de matóns chega a un novo instituto onde fai amigos de verdad e namora. De Hermione. En Filmin.

– ‘Luke & Brie are on a first date’ (2008). Queres cine indie duro? Mumblecore a tope? Podes seguir a Luke e a Brie na súa primeira cita, pasando da incomodidade do principio, á festa cos amigos, á complicidade e o torpe final. En Filmin.

– ‘Celeste and Jesse Forever’ (2012). Andy Samberg e Rashida Jones están a divorciarse, pero seguen a pasar todo o tempo xuntos e a ser mellores amigos. O que fai que todo sexa algo raro cando empezan a saír con outras persoas.

– ‘The Art of Getting By’ (2011). Máis amor en institutos! Un adolescente fatalista e depresivo que non fai os deberes porque “nada ten sentido” volve a ser unha persoa de ben ao namorar dunha rapaza. Se vos soa a cara del, Freddie Highmore, é porque era o neno deprimido de ‘Finding Neverland’ e Charlie en ‘Charlie e a fábrica de chocolate’. E o Norman Bates adolescente na serie ‘Bates Motel’ (quen dixo medo?).

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *