Cafés pay-per-minute: onde todo é gratis, menos o tempo

ziferblat2

En tardes de inverno coma as que estamos a vivir estas semanas, nas que todo está escuro, vai frío e chove, atopar unha cafetería bonita e acolledora na que sirvan bo café e se cadra un biscoito é todo o que queremos. E, unha vez dentro, o último que queremos é volver a saír. Pero se non consumimos nada máis temos rapidamente esa sensación de culpabilidade, de estar a botar horas ocupando unha mesa coa cunca baleira desde hai xa moito. Pagarías polo tempo que pasas nun café? Esa é a idea de Ziferblat, unha cadea rusa que vén de abrir o seu primeiro café en Londres.

A idea é sinxela: todo é gratis, menos o tempo que pasas alí. Ao chegar, os consumidores collen un reloxo, apuntan a hora e o levan con eles á mesa. Poden estar todo o tempo que queiran e ser bastante libres: facerse o seu propio café, cociñar algo (co que hai gratis ou levando os seus propios ingredientes), traballar (son as chamadas “coffices”), ler ou botar horas falando con amigos mentres chove fóra. Todo sen esa presión por consumir, sen miradas de odio por parte dos camareiros. Ao saír, pagan polos minutos que estiveron aí. A tarifa? 3 peniques por minuto (uns 4 céntimos de euro). Fai as contas e pensa que estás en Londres, unha das cidades máis caras do mundo. Sae moi ben, non?

mitin

Ivan Mitin, fundador de Ziferblat (e hipster de libro)

Se estás xa a pensar que entón a xente seguro que vai, come moito moi rápido e toma cinco cafés en media hora, para xa. O de que aquí no sur somos uns incivilizados igual habería que deixar de repetilo tanto (quen non se marabillou nunca desas Weinerei en Berlín nas que bebes o viño que queiras, comes o que queiras, e pagas o que queiras tamén, dicindo “en España nunca funcionaría”?), porque o espírito de Ziferblat non é o equivalente ao dun buffet comendo rápido no canto de “todo o que poidas”, senón que é mais ben social e de comunidade. É como alugar un espazo entre moitas persoas e querer coidalo e ser feliz aí.

Así, o resultado do Ziferblat é moi distinto ao dun café normal no que cada un vai ao seu: todo o mundo amosa unha actitude máis aberta, compártense mesas, inícianse conversas, nacen amizades. E ninguén quere aproveitarse: nas primeiras semanas en Londres había colas de xente para lavar os pratos e cuncas que mancharan (algo que non é obrigatorio). Durante o tempo que estás no Ziferblat o café é teu e das outras persoas que están aí. Claro que queres coidalo.

O fundador de Ziferblat é Ivan Mitin, un rapaz ruso de 29 anos que defende que é ese espírito de comunidade o que diferencia a súa cadea (ten xa dez establecementos en Rusia e un en Ucraína) do resto de copias que empezaron a saír no seu país natal ante o éxito da idea. “Pensan que se alugan un espazo, compran mobles baratos en Ikea e piden aos clientes que paguen rublos por minuto terán éxito”, aseguraba ao BusinessInsider. “Non é así. A xente abúrrese de pagar polo tempo se non hai nada máis detrás. E non volven”.

Quen quere abrir un destes espazos por aquí? Nós botaríamos moitas horas tomando café e facendo amigos.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *