Queridos Reis Magos: a carta de Disquecool

Xa falta pouco, xa están aí! Os tres señores que veñen de Oriente están a apurar o paso para chegar puntuais ás casas de todos os nenos e nenas. E nós, o equipo de Disquecool ao completo -disquerredactoras, equipo técnico, colaboradores…- non queremos deixar pasar a oportunidade de formular os nosos desexos. Quen sabe, igual os Reis Magos len Disquecool e nos cae algún agasallo.

Queridos Reis Magos:

andres

Andrés: Este foi un ano convulso e estraño para min, non pola crise e os seus derivados, que xa temos callo, senón por causa das miñas dúas marcas fetiche. Por unha banda, abandonei Canon, marca coa que aprendín a facer fotos e da que gardo unha marabillosa lembranza, para comezar unha aventura en Micro Catro Tercios da man de Olympus e Panasonic. Por outro lado, Nokia. Os meus queridos fineses venderon a súa unidade de móbiles a Microsoft, difuminando así a principal empresa tecnolóxica europea e rompendo un pouquiño o meu corazón de geek posuidor dun 3310.

Con este panorama que podo pedir… pois píxeles máis grandes, máis M4/3 e con máis opcións profesionais, máis I+D+i, que despegue o NFC, que melloren os interfaces das cámaras, un pase para o MWC Barcelona, mellores cámaras nos móbiles e un billete de avión a Finlandia. Para comezar.

cris

Cris: Se tivese sido o suficientemente boa, se os Reis non tivesen condicionante ningún (económico ou de calquera outro tipo), eu pediría unha viaxe. Quizais no tempo, para ser unha exploradora de terreos virxes no momento no que se estaba a descubrir o mundo. Quizais me conformase cunha volta ao mundo, ou un destino exótico, poñamos Nova Zelandia. Eses serían bos agasallos.

Pero non vou pedir nada tan complicado. Vou quedar cun libro que é a promesa de moitas viaxes por cumprir, e a maioría, máis alcanzables para min. Trátase de ‘The New York Times. 36 hours. 125 fines de semana en Europa’ co que podo planificar (e non é esa unha das mellores partes de calquera viaxe?) excursións a 125 lugares diferentes, e que inclúen desde capitais imprescindibles de Europa a pequenos tesouros ocultos. E ademais, nunha edición súper bonita.

raquel

Raquel: Eu espero que este ano os Reis non me digan o de que é moi difícil mercarme agasalllos!! Se non fago máis que dicir as cousas que quero!! Como rematei 2013 en modo vintage quero que os Reis me traian ‘Save me the waltz’, a novela escrita por Zelda Fitzgerald (ou, mellor, as súas obras completas, que xa as teño fichadas en Amazon) ou, e seguindo cos Fitzgerald, as cartas que Francis Scott Fitzgerald lle escribiu á súa filla Scottie e que acaban de ser traducidas ao castelán por Alpha Decay. Aínda que cunha funda para o Kindle inspirada en libros tamén me conformo.

lucia

Lucía: Xa teño dúas cestas de pícnic, mochilas bonitas para ir de paseo campestre e varias bicicletas. Só lles pido aos Reis que volva o bo tempo para poder usalo todo! Pero como igual iso é demasiado pedir, confórmome cun bo libro para ler a carón da cheminea, un curso de guitarra e unha subscrición a Filmin. Tamén quero un destes pratos tan bonitiños de La Malconttenta!

ana

Ana: Por que non se poden pedir viaxes? Eu é o único que quero: billetes de avión ou tren ou barco ou autobús (se non hai remedio), acompañados da promesa de que durante eses meses (porque serán meses) non vou a ter que traballar e terei ingresos igual. Ai. Pero vale, se hai que poñerse consumista, quero gadgets tecnolóxicos para as miñas plantas, quero un curso para aprender a facer algo coas miñas mans, e quero unha suscrición eterna a Filmin (e que Netflix deixe de ternos medo e se atreva a aparecer por estes lares).

juan

Juan (IT Guy): Aos Reis so lles pido que me traian un sitio onde vivir en Pontevedra, que un xa está canso de dar tumbos por medio mundo e toca asentarse. Así por fin poderei gozar de todas esas cousas cool que hai en Galicia e de paso soltarme co galego dunha vez. Non pido máis, o demais son desexos persoais: máis tempo, máis organización e poder ler todos os libros e ver as pelis e series que teño pendentes.

chou

Chou: Estimados colegas barbudos (Baltasar, unha vez superada parcialmente a marxinación social, agora tes que darlle duro á marxinación estética): O primeiro agasallo que vos quero pedir é un par de vales. Si, como os que repartían nas guías telefónicas. Un para os gastos de barbería dun ano (eu téntoo, pero non me sae tan ben), e outro para unhas clases de guitarra algo máis apañadas que as de CCC.

En canto a agasallos máis materiais, aínda me faltan moitos vinilos da lista dos mellores discos do ano. Se cadra a edición de nove discos de Kveikur sería unha boa opción, aínda que para escoitalos ben, non me virían mal uns altavoces de estantería, que os meus xa están moi vellos. Fun moi bo este ano, eu creo que uns Bose non serían nada esaxerados, que para sairmos da crise hai que estimular o consumo.

brais

Brais: Queridos Reis Magos: este ano fun moi… un pouco… regular. Aínda así, eu quería pedirvos que me enviasedes un sobre (si, ese agasallo tan de moda entre as altas esferas!) cun billete de avión e unhas entradiñas para Sundance. Xa sabedes que a min me gusta a neve e o frío, así que que mellor que mandarme a Utah a ver películas por un tubo? Ademais, ben sabedes que a Disquecool quedaríalle moi ben unha Disqueficha a Robert Redford!!!

laura

Laura: Non son eu de gustos exquisitos, así que tirarei polo fondo de armario. A ver se este ano os Reis se portan e me traen a perfecta cazadora “perfecto” -a ser posible de pel de verdade, que xa non temos idade para imitacións- como esta de Vintage & Coffee. Unhas botas moteiras para combinar con vestidos femininos tamén serán benvidas. Pero como o que máis falla me fai son unhas boas vacacións, o regalo estrela sería un bono regalo para canxear en calquera balneario (vale, aceptamos spa urbano), ou nunha das cabanas de Casa Perfeuto Maria, no medio do monte, si, e (espero) sen cobertura. ¡Felices Reis Magos a todos!

maripili

Señorita Mari Pili: É moi difícil escoller entre todas as trapalladas que existen neste mundo o que quero por Reis. Pero creo que merezo esta cunca para o almorzo que deixa clara a censura á que son sometida e este peluche que é unha tira de touciño entrefebrado asustada.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *