Top 10 do 2013: tendencias

Joaquin Phoenix con barbaContinuamos co noso repaso do que foi 2013 cunha das categorías máis xerais e da que se supón que máis sabemos (por iso nos ledes, non?): tendencias! Non imos entrar agora en definir que é unha tendencia ou, peor aínda, a clásica pregunta de que fai que algo sexa cool. Estas tendencias, de feito, nin sequera son todas cool, senón sinxelamente cousas que vimos que en 2013 viviron un ano importante. Pero deixémonos de preámbulos e vaiamos ao importante. Estas son as 10 tendencias que definiron 2013!

10. Glamping. Isto é como o viño, non sabes se é que de súpeto está de moda ou só que chegaches á idade axeitada. O glamping, esa unión de camping e glamour, está cada vez máis presente e nós diríamos que porque é tendencia. Pero tamén sospeitamos que é posible que sexa unha tendencia da que non falaríamos se aínda tivésemos 20 anos.

9. Cronuts. Está así de abaixo na lista porque os cronuts aínda non chegaron con forza a Galicia. Chegarán, estamos seguros, posiblemente en 2014, pero o boom global foi en 2013 e foi neste ano cando falamos deles.

8. Volven os 90, volve o grunge. Vixésimo aniversario da gravación do Unplugged in New York de Nirvana, crise económica, aceptación do vintage e da segunda man, os 80 xa volveran… en 2013 volveron as chaquetas de la rotas clásicas do grunge, volvemos a pensar en Kurt Cobain con certa nostalxia e, sobre todo, volveron todas esas tendencias dos anos 90 que xuramos que nunca máis.

7. A suscrición gaña á propiedade. A resposta á piratería está aquí: grazas a Spotify, Rdio ou Grooveshark xa non descargamos música; grazas a Filmin xa non descargamos películas; o tema dos libros está aínda a atoparse. Unha das grandes tendencias de consumo que se viu confirmada este ano é que, cando falamos de contidos dixitais, non nos importa pagar unha suscrición mensual, “alugar” o acceso aos contidos, no canto de mercalos e que sexan da nosa propiedade.

6. Movementos de participación urbana. Sempre envexamos aos finlandeses por inventar cousas como o Restaurant Day, pero parece que pouco a pouco aquí as cidades empezan tamén a mellorar grazas á iniciativa dos seus cidadáns. Falamos dos mercados cool, da recuperación dos sentimentos de barrio, da reivindicación do comercio pequeno. De facer das cidades, en definitiva, un lugar no que é máis sinxelo ser feliz.

5. MOOCs. Massive Online Open Courses ou, o que é o mesmo, Cursos Online Abertos e Masivos. O coñecemento está ao alcance de todos grazas a Internet e as plataformas que ofrecen este tipo de cursos online gratuítos (normalmente de universidades, moitas veces prestixiosas) son cada vez máis comúns. Coursera, Iversity ou Udacity son algunhas das máis populares.

4. Emprender. Unha tendencia forzada pola crise e por unha boísima campaña de comunicación que nos ensina que emprender mola (e xa de paso saes das listas do paro). A palabra é moi importante. A xente non se fai empresaria ou monta o seu propio negocio, que soa peor. A xente vólvese emprendedora (e xa se o que montas é unha startup levas premio ao máis cool do grupo).

3. Selfies. É a palabra do ano escollida polo dicionario Oxford e hai razóns de sobra. As autofotos sempre existiron, pero grazas ás cámaras cada vez mellores dos smartphones, sempre a man, e ao feito de poder compartilas de forma instantánea en redes sociais os selfies pasaron de estar só nas fotos de perfil e a estar en todas partes. E xa se Obama saca un con David Cameron e Helle Thorning Schmidt en pleno funeral de Nelson Mandela podemos dicir que o selfie é tendencia.

2. Mensaxería instantánea móbil. Xa levamos moito tempo enganchados a Whatsapp, pero ata hai non demasiado non había moitos rivais. En 2013 vimos o boom doutras apps como Line, WeChat ou Snapchat, ademais dos intentos desesperados de grandes tecnolóxicas por compralas ou por facer a súa app rival. Os Hangouts de Google, o chat de Facebook… en 2013 necesitamos comunicarnos de forma instantánea e facelo co móbil.

1. A barba. Xa apuntaba maneiras a finais de 2012, pero en 2013 quedou claro: a barba é o novo bigote e ademais está moi ben que así sexa. A barba quédalle ben a todo o mundo, o do bigote nunca estivo tan claro. O mellor de todo é que podes ata gañar cartos grazas a ela!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *