Slow TV: o pracer de ver arder a madeira

slow-tv

Lembro que cando vivía en Viena ás veces acendía a tele e, tras facer un pouco de zapping, daba sempre cunha canle adicada a seguir aos tranvías da cidade. Nada máis: unha cámara na parte dianteira do tranvía e horas e horas (supuxen, nunca quedei a comprobalo) de vías percorrendo Viena. E se ben sempre remataba por cambiar ou directamente apagar a tele, había sempre un momento de certa fascinación hipnótica, de quedar para ver se pasaba algo, de seguir as vías uns minutos ata espertar e dicir “que estou a facer?” e saír á rúa. O que eu non sabía daquela era que estaba a presenciar un exemplo perfecto do que agora se chama Slow TV.

A Slow TV, a televisión lenta, é precisamente iso, horas e horas de retransmisión en directo de actividades lentas nas que non pasa moito. E se estás a preguntar quen podería ver algo así, temos a resposta: os noruegos. En Noruega este novo xénero televisivo é todo un fenómeno e eventos como unha viaxe en tren de Oslo a Bergen (sete horas), un cruceiro de varios días, madeira ardendo nunha cheminea ou oito horas e media nas que unha ovella era tosquiada, a súa la feita fío e calcetada ata converterse nun xerséi, teñen extraordinarios datos de audiencia.

As razóns deste estraño fenómeno son difíciles de atopar e están a saír múltiples teorías. Moitos din que é cousa de noruegos, que son así de raros e que ao fin e ao cabo tamén teñen retransmisións de moitas horas de esquí de fondo no que non pasa nada (houbo tamén un campionato de xadrez que foi todo un hit televisivo); pero en canto facemos a comparación con calquera tipo de deporte empezamos a entender. A todos nos sorprende o de que os ingleses vexan billar ou póker na tele, pero queridos lectores aficionados ao ciclismo, se iso non é un tipo de Slow TV

A outra explicación é a dunha sinxela reacción ao que é  a televisión na actualidade. Quen máis rápido vaia, quen máis grite, quen máis impactos visuais teña, será quen gañe. Para un segundo, deixa un momento de silencio ou de murmurio e o espectador estará aburrido e cambiará de canle. Pero non chama a atención facer zapping e de súpeto atopar unha retransmisión dunha cheminea acendida? Non quedarías un momento atrapado no movemento das chamas, no cálido son da madeira ao arder, nesa paz que de súpeto atopas no lugar máis inesperado? Se estás a facer cousas coa tele de fondo, non é unha boa opción ter unha especie de salvapantallas e escoitar as tesoiras rapándolle a la a unha ovella? Ou ver as fermosas paisaxes dunha viaxe en tren ou un cruceiro?

As retransmisións en Noruega teñen tamén éxito polo feito de escoller temas que, nestes tempos de modernidade e tecnoloxía, poñen as tradicións en prime time. A la, a madeira, as paisaxes do país… Como se aquí a TVG enganchase unha cámara a algún tren rexional, como se retransmitisen en directo a labor das encaixeiras de Camariñas ou unhas vacas pastando.

Chegará a Slow TV algunha vez ás nosas televisión? Posiblemente non, aquí seguimos a gritar e a buscar a edición máis rápida e non a hipnose e a paz, pero se ides algunha vez por Noruega e acendedes a tele, parade na canle na que hai unhas señoras calcetando. Serán oito horas nas que estás a formar parte dun fenómeno nacional. E si, ir a Twitter a comentalo está admitido. Estes eventos son sempre trending topic.

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *