O novo Santiago maleni: cupcakes e máis cupcakes

Tosta e Tostiña

Santiago ten unha certa pátina de cidade intelectual (algún día prometo facer un mapa con todas as librarías cantas hai espalladas pola cidade) pero Compostela tamén é unha cidade de larpeiros. Teño un dato científico (da miña outra vida como trapalleira estadista) que demostra que Santiago de Compostela é a cidade de Galicia, de España e posiblemente do mundo na que hai máis tendas de lambonadas. Eu invítovos a que vos fixedes mentres paseades pola capital (de Galicia, claro está) a ver cantas tendas de chuches vedes. Logo facede o mesmo noutro lugar. Veredes a diferencia. Por iso era pouco comprensible que unha cidade como esta non estivera caendo en brazos da burbulla cupcake. Onde estaban as tendas rollo Happy Bakery e os expositores cheos de frosteado? Onde os lugares con cuncas de porcelana fina e pasteis servidos en pratiños de flores? Conseguiran os malditos intelectuais inhibir a pulsión natural dos santiagueses?

Nunca conseguín a resposta a esta profunda pregunta. E como santiaguesa fíxenma moitas veces mentres suspiraba por tomar un café cun cupcake cun toping de cores resultonas. Tiñamos xa cupcakes, iso é certo, pero non tiñamos aínda esa clase de sitios nos que hai mesas bonitas, pasteis riquiños e cuncas apetecibles de café. Pois ben: ese sitio xa existe. Chámase Tosta e Tostiña, está nunha rúa na que nin pensaras que podería existir un lugar así na zona nova e é a primeira etapa do novo Santiago maleni. Tosta e Tostiña abriu no verán e ten o mix de mesas cuquis, pasteis ricos, café e cupcakes necesario para ser un destino para a merenda (aínda que abren dende primeira hora da mañá ata primeira hora da noite, así que non estades limitados á merenda). Algún día tenme coincidido ver como estaban a preparar cupcakes (o que lle dá un certo toque de autoridade no tema do doce) e tamén teño probado uns cantos (os suficientes para dicir que son uns cupcakes que están bastante ricos).

Pero Tosta e Tostiña non é o único lugar que Santiago ten agora para comer cupcakes. Na zona vella está o salón de té Dulce Victoria. A decoración non é tan cuqui como a de Tosta e Tostiña, pero os seus cupcakes son sublimes. Dun tamaño considerable (e non moi caros), teñen variedade de sabores. Na nosa proba, caeu o de doce de leite e pódovos prometer que foi un dos mellores cupcakes que comín nos últimos tempos. Ademais de cupcakes, tamén teñen tortas.

Tosta e Tostiña está na Avenida da Coruña (si, esa rúa que sae de Rosalía de Castro cara a entrada da Alameda e o estremo da Residencia e Dulce Victoria está na rúa Carretas

Fotos | Tosta e Tostiña

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *