HTC One: análise

HTC One: AnálisePobre HTC. Unha das compañías cun problema de comunicación máis grande que non parecen ser quen de solucionar. Os seus smartphones son sempre fantásticos, polo menos na gama alta, pero a xente segue a desexar a Samsung. Samsung que a min me fixo querer renunciar a Android e substituílo por Windows Phone. Android nunca máis, dicía eu, pero entón probei o HTC One e admitín que a culpa era de Samsung e non do sistema operativo de Google. Porque Android no HTC One, a pesar de vir algo maqueado coma sempre, mola. Porque o teléfono é sinxelamente xenial.

Ao principio tes un pouco de medo, porque un smartphone de 137,4 mm x 68,2 mm x 9,3 mm e que vale máis de 600 euros está chamado a ser tratado con delicadeza, especialmente en mans torpes como as de quen escribe. Pero o medo pasa rápido. O HTC One non esvara entre os teus dedos. Sentirás ese corpo de aluminio e esa suave curva que fai que sexa máis agradable collelo, sentirás que é alto e delgado, pero non temerás que caia ao chan. E polo menos tes a garantía de que a pantalla é Gorilla Glass 2, polo que esperas que o teléfono resista no caso de decidir suicidarse.

Un corpo moi compacto e ben acabado no que a carcasa non é extraíble (polo que non podes acceder á batería). Ten ranura para a microSIM, porto microUSB e nada máis. Os altavoces están perforados encima e debaixo da pantalla (e soan xenial), e os botóns físicos son tamén poucos: o de encendido, no borde superior á dereita, e o volume, no lateral dereito, suave e fácil de utilizar.

HTC One: AnáliseSacas o HTC One da caixa, cargas a batería, acéndelo e chega a primeira sorpresa agradable: se queres, podes configuralo nun ordenador. Unha tontería, dirás, pero moito máis cómodo que ter que introducir todos os teus datos de contas de correo e preferencias usando a pantalla táctil. Unha pantalla que merece tamén moitos eloxios: 4,7 pulgadas e 1080p (o que significa que a nitidez é fantástica) e un brillo e cor que se ven perfectamente tamén baixo a luz do sol. Reproducir vídeos en YouTube ou Vimeo é de súpeto moito máis emocionante.

Un dos temas que máis chaman a atención do HTC One é a cámara de fotos, na que a compañía decidiu saírse, como xa fixera Nokia, da guerra dos megapíxeles inventando os Ultrapíxeles. Cal é o resultado? Bo, sen dúbida, especialmente en condicións de pouca luz, aínda que tampouco esperes o smartphone coa mellor cámara do mercado (aínda que si unha por riba da media aínda bastante mediocre). Calquera usuario de Nokia bota en falta un botón físico para facer as fotos (e aquí co espazo que teñen é  incomprensible que non o aproveitaran para isto), pero se chegas desde calquera outro smartphone non notarás nada (será tan incómodo coma sempre).

En canto ao sistema operativo, o HTC One vén con Android, pero coma sempre nos teléfonos de HTC ese Android trae unha capa extra, HTC Sense. Neste caso nótase especialmente no inicio, ao que HTC engadiu unha nova pantalla cun feed de novas que, desafortunadamente, non se pode desactivar (polo menos non ten que ser o principal). Iso si, aos ionquis da actualidade encantaralles esta nova pantalla.

HTC One: Análise

Deberías ter en conta o HTC One á hora de mercar o teu próximo teléfono? Supoñendo que non quedara xa moi obsoleto (leva xa varios meses no mercado, non esperes moito), si que o deberías facer. Se estás interesado na calidade, se queres unha navegación fluída, un deseño elegante e un smartphone, en definitiva, bo e potente, o HTC One é un moi bo candidato. Porque supoñemos que se buscas todo iso estás disposto a gastar eses 600 euros ou a aceptar unha tarifa escrava nalgunha operadora, claro!

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *