Que vas atopar no noso stand do Culturgal?

Culturgal - Stand do Público

Un ano máis, Culturgal está aquí. Tan esperado como o Nadal, o encontro por excelencia das industrias culturais galegas comezará mañá (ata o domingo) no Pazo da Cultura de Pontevedra. Como xa sabedes (temos un banner – si, un deses que debedes clickar – que o anuncia) estaremos no stand X1 da feira. É unha posición privilexiada, xa vos adiantamos: xusto ao lado da tenda – libraría (o ano pasado estabamos xusto co carriño das lambonadas, como vedes imos mellorando posicións). Nós aproveitaremos para mercar algún libro (xa é tradición), para ir ás charlas e para poñervos a todos vós cara. Porque, claro está, tedes que vir ao noso stand.

Que é o que vos ides atopar este ano no noso stand de Culturgal? Como é habitual, o noso stand terá temática. E este ano (dado que somos un medio namorado das palabras) teremos o estudio dun escritor vintage. Teremos butacas retro, máquina de escribir e outros toques sacados do pasado. E como a temática é tan literaria, as actividades tamén serán literarias. Tomade nota!

  • Queremos facer entre todos un cadáver exquisito! En colaboración con Librópatas, organizaremos a escritura dun relato comunal. O misterioso escritor do noso stand dará a frase inicial e os participantes irán engadindo unha nova oración á historia. Cada un dos escritores/participantes recibirá unha chapa de Disquecool. Os cadáveres exquisitos escritos serán publicados en Disquecool, para que todos os poidades ler.  Haberá oportunidade de participar na escritura dos cadáveres exquisitos ás 17.30 horas do venres e o domingo, e ás 12.30 do sábado.
  • Microrrelatos a petición! Escribiremos para vós. Só tedes que vir e dicirnos unha palabra. Unha das nosas redactoras fará un microrrelato relacionado. Tamén subiremos logo os microrrelatos a Disquecool.

Disqueficha democrática

Pero non só teremos literatura, tamén queremos que vós sexades os protagonistas contándonos o que vos gusta. Nesta edición faremos Disqueficha democrática. A primeira edición da disqueficha para o pobo foi o pasado abril no VAN Divulgación e queremos repetir a experiencia. Só terás que vir mentres dure a feira ao noso stand e pedir unha disqueficha. Entre todos os participantes sortearemos  5 disquebolsas. 

Claro que se o que che interesa é só e nada máis que a Disquebolsa, poderás mercala directamente. Teremos bolsas e chapas á venta.

Off Culturgal

E como xa sabedes tamén teremos unha nova edición do Off Culturgal. Podes ver todos os proxectos seleccionados no post que lle adicamos ás 9 ideas que serán presentadas no evento, aínda que xa vos adiantamos que as propostas son do máis variadas e do máis interesantes.

Será ás 17 horas do sábado no espazo Tecnoloxía do Culturgal.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *