Como ser popular no instituto (usando leccións de 1950)

1950

Que é o que hai que facer para ser popular no instituto? Moitas películas (grandiosas moitas veces) trataron de descubrilo. E as leccións que nos ensinaron son bastante variopintas. O importante parece ser que sexas ti mesmo, o importante é que deixes que a irmá pequena do xogador de baseball que che vai levar ao baile por unha aposta che depile as cellas ou o importante é que te deixes levar polo que fai a masa. As conclusións son do máis variadas e contraditorias. Afortunadamente, nós xa non estamos no instituto, así que xa non temos que preocuparnos por que é o que hai que facer para ser popular. Aínda que sigamos vendo esas películas que nos ensinan todos os secretos para ser elixida raíña do baile (pouco importa que aquí non hai raíñas de baile) e intentando desentrañar as súas profundas ensinanzas. Por iso unha historia como esta ten toda a nosa atención. As protagonistas de hoxe son adolescentes que están intentando conseguir ser a mellor da clase seguindo as recomendacións dun libro de etiqueta dos 50. Afortunadamente para elas, son estadounidenses. Seguir un libro de etiqueta da España do 1950 podería ser bastante extremo (podedes ler Usos amorosos de la posguerra española, de Carmen Martín Gaite, e simplemente flipar).

Todo comezou con Maya Van Wagenen, unha adolescente que tivo unha idea tola (e millonaria). Maya, de 15 anos, tomou a Betty Cornell’s Glamour Guide For Teens, publicada no 57,  como guía para o que ía facer.  Van Wagenen tiña 11 anos cando a súa familia cambiou de residencia. Cando chegou ao pobo de Texas no que ían a vivir, Maya quedou shockeada polo que atopou. Non só era unha adolescente rariña, tamén estaba nun lugar novo, con problemas de tráfico de drogas e cun cambio cultural fronte a súa vida anterior. Posta a facer algo extremo, Maya Van Wagenen optou polo pintoresco e o retro. Durante o ano seguinte, a rapaza seguiu todas as instrucións de Betty Cornell, “aplicando as indicacións pintorescas á súa vida contemporánea e explorando o que verdadeiramente significa ser popular”. O entrecollido vén, por suposto, do que os editores das conclusións das investigacións de Maya dixeron sobre o libro. Porque, claro está, algo así acabou nun contrato para un libro e nun para unha adaptación ao cine. No 2012, ata a revista Time a meteu na lista de adolescentes máis influentes do ano.

Ante semellante éxito, as copias non tardaron en chegar. E así foi como esta rapaza do Upper East Side de Nova York (preguntádelle ás de Gossip Girl que significa ser do Upper East Side) decidiu facer máis ou menos o mesmo. Ella Epstein colleu o mesmo libro e púxose a ver como era a vida no mundo contemporáneo, polo menos durante unha semana enteira. As súas experiencias saíron publicadas no The New York Post, o tabloide neoyorkino, onde contou como se peiteaba (con 100 pasadas!) os cabelos cada noite (e confirma que funciona), como tivo que erguerse cada mañá 10 minutos antes para poder seguir os rituais de beleza de Betty ou como tivo que ir vestida á antiga ao instituto (e gastar 1.500 dólares no proceso…). E ademais tivo que comezar a escribir cartas das de verdade, das de papel e boli.

*Seguramente agora quedastes con ganas de ler: Usos amorosos de la postguerra española é o ensaio de Carmen Martín Gaite sobre a vida privada a este lado do Atlántico. O libro de Maya van Wagenen aínda non está á venda aquí, pero podedes botar man de Amazon.com

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *