Cineuropa: últimas pinceladas

Aquí están xa os temidos últimos cinco días de Cineuropa. O principio do fin. Con lágrimas de celuloide, o casco vello compostelán comeza xa a chorar que remate esta vixésimo sétima edición. A rúa Nova perderá ese balbordo de gafapastas e cinéfilos discutindo, ese aroma a sadomasoquismo dos que entramos as catro da tarde para saír as dúas da mañá sen perder ningunha sesión, as carreiras entre Teatro e Salón Teatro para saír dunha película que remate e entrar noutra que comeza.

Pero, que non nos entre a depresión antes de tempo. Por sorte, aínda temos o Cineclube Compostela e eventos como o Curtocircuíto (que chegará en vindeiras semanas) para entreternos mentres agardamos a próxima edición de Cineuropa. Así que secade esas bágoas e apuntade, porque aquí vai a selección de filmes para estes últimos días!

Gente en Sitios (2013, Juan Cavestany)

“Todo esto antes era campo”. Gente en sitios é unha colección de sketchs en clave de comedia que pretenden dar un repaso diverso e rápido sobre a España actual. Surrealista, absurda, arriscada e innovadora, esta película de Juan Cavestany únese á tendencia do cine actual do low-cost. Probablemente a película máis diferente que se fixo en España nos últimos anos, e só haberá un pase en Cineuropa: ides quedar sen vela?

Mércores ás 20.30 no Teatro Principal.

The Congress (2013, Ari Folman)

O director de Vals con Bashir achéganos unha historia que se confunde entre a ciencia-ficción, a animación e o biopic. Robin Wright vese obrigada a vender a súa imaxe (no máis estrito sentido da expresión) a un estudio de cine que a empregará para facer os máis diversos filmes. Baseada nun relato de Stanislaw Lem, cómpre preguntarse canto desta ficción ten relación coa verdadeira vida da actriz Robin Wright que se interpreta a si mesma. A película merece un voto de confianza por traer unha historia orixinal cun reparto incrible no que se atopan Harvey Keitel e Paul Giamatti.

Martes 26 ás 20:00 no Teatro Principal e mércores 27 ás 21:00 no Salón Teatro.

Película sorpresa e Maratón

Probablemente dous dos eventos que máis expectativas levantan durante todo o festival. No caso da película sorpresa cómpre seguir de preto o twitter e o facebook da organización, que comezarán a dar pistas ata a proxección o martes ás 22:15. End Of Watch (2012, David Ayer) foi a seleccionada o ano pasado. Un filme de acción innovador que intercambiaba un estilo POV coa cámara en man conseguindo unha atmosfera absorbente que non permitía ao espectador despegarse da pantalla. Este ano … qué será será?

A maratón, o momento máis agardado por un servidor, chegará este venres desde as 20:15 ata ben entrado o sábado. Só apto para os consumidores ávidos e insomnes, a maratón percorrerá, coma sempre, as máis diversas e divertidas películas da serie B e do terror. Escollede ben as vosas compañías porque vos agardan máis de 8 horas de cine non-stop, sonecas nas butacas, risas e unha experiencia única.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *