O disco da semana: A dança dos moscas, de CAXADE

a1029776870_10Vai rematando un 2013 cheo de música. De gran música. De enorme música feita en Galicia. Tras falarvos de grupos como Unicornibot, Lendrone, Triángulo de Amor Bizarro, Disco Las Palmeras! ou Antenas Hacia el cielo, achegámonos ao indie-folk que nace en Covas, unha pequena aldea de Ames, e do que viñamos tendo novas dende o recente festival Sinsal San Simón. O come en cuestión é o de CAXADE, que co seu debut con ‘A dança dos moscas’ (Discos Da Máquina, 2013), está dando moitísimo que falar entre a prensa e o público. CAXADE é un cuarteto liderado por Alonso Caxade, que asume as voces e o acordeón que caracteriza á banda, que lle dá o punto de diferenciación preciso. ‘A dança dos moscas’ agocha unhas referencias a letras marcadamente reivindicativas, e melodías que sitúan en Ames a Zach Condon ou Yann Tiersen.

E ademais dun acordeón, CAXADE é un grupo no que hai un bombardino. Debe destacarse isto por inusual no mundo no que nos movemos, e xa de paso porque o bombardino viste case por si só calquera das melodías de ‘A dança dos moscas’. Tras un Introito no que a voz en grito de Alonso Caxade, tirando de lembranzas non moi pasados co ‘afiador, acordeonista’ deixa ben claro o primeiro dos conceptos, aquí o acordeón leva a liña melódica, e dá paso ao primeiro corte real de ‘A dança dos moscas’, Afiador da realidade, no que podedes ver a que me refiro con iso de que isto lembra por momentos a un Yann Tiersen galaico. Declaración de intencións dende o mesmo título, viñemos aquí sacar punta de todo o que pase. E, unha vez preparados, poderoso bombardino en man (nada pode fallar se te armas cun bombardino, con esa demostración de ronco poder), facemos fronte a Gente pota, exemplo por momentos de que esas letras ás veces son mellorables, pero que se sobrepón a iso cunha instrumentación tan curiosa (para os que non nos movemos habitualmente por estes lares) como atractiva.

Pero máis aló desas letras de dominio pesimista/reivindicativo, os amaños de vento, perennes en cada un dos temas de ‘A dança dos moscas’, inundan todo dun ton festivo, xa inequívoco se sumamos o acordeón. Difícil que o noso eu máis nostálxico non se imaxine bailando coa boina ben colocada, cos tirantes perfectamente postos. O noso eu nostálxico ou o noso eu futuro, alegre mentres escoita Sr. Xorda, dando un paso atrás para coller impulso, cheo dunha enerxía que se superpón á de Dança dos moscas, enchida como peito orgulloso, e disposta a fuxir correndo de onde queira que esteamos. Unha lección de indie-folk (aquí vén o terrible momento das etiquetas) pouco habitual no noso territorio. É como se CAXADE viñese ocupar un espazo case baleiro ata hoxe.

Temática recorrente en Demos graças, unha das miñas cancións favoritas de ‘A dança dos moscas’, que mistura a cultura ancestral galega cun son folk propio tanto de aquí como dos mesmos Balcáns. Outra delicia nun disco no que chega un punto no que se agradece a chegada do troco de rexistro de Lei d’Hont, que dalgún xeito evita a caída na monotonía na que por momentos parece pecar CAXADE, ou a fermosura trobadora de Amélia, vestida como a canción popular que non é. Surrealismo entre Capadores de extraterrestres, a escura Nomeando perdidos creando inquietude, desasosego e certo nerviosismo interno. Ou o excitante final con Foliom da rebeliom, chamando á guerra, como cada un dos poros do disco. A aposta é arriscada en canto a derribar fronteiras. Falta un grupo que cantando en galego teña éxito a nivel estatal, e seguramente CAXADE non sexa o primeiro, pero é certo que dificilmente o envite non servirá para que a carreira se adiviñe extensa, e de éxito cando menos por aquí.

Shares

5 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *