III FIEC: De onde saíron os festivais artísticos?

fiec

Os nosos veráns xiran moitas veces en torno aos festivais musicais. En inverno buscamos festivais de cine para escondernos na sala e soñar con outras vidas ou lugares, ou aproveitamos un festival de teatro para achegarnos a esta arte que moitas veces temos abandonada. Por haber, hai xente que ata vai a festivais de literatura (temos un exemplo na disquerredacción). Os festivais artísticos son algo que está desde hai uns anos moi presente nas nosas vidas, pero foi isto sempre así? Cando chegaron? Cando se deu esa revolución dos festivais artísticos?

Se este é un tema que te fascina, posiblemente desfrutes do vindeiro Foro Internacional de Espazos para a Cultura (FIEC) que organiza a Fundación Cidade da Cultura xa por terceiro ano, e que se celebrará esta fin de semana (venres e sábado). E tratará precisamente diso, da Revolución dos Festivais Artísticos. Porque estes non sempre estiveron aí, senón que se podería datar o seu nacemento despois da Segunda Guerra Mundial, e a súa evolución ao longo dos anos ata chegar ao que son agora foi bastante grande.

Para falar do tema estarán David Binder, produtor de “experiencias vitais extraordinarias” que pode dicir que é responsable do New Island Festival (dez días de teatro, danza, música e arte visual holandés en Nova York) ou o The High Line Festival, festival de música comisariado por David Bowie e no que actuaron entre outros Arcade Fire ou Ricky Gervais; a directora do HAY Festival, María Sheila Cremaschi; a co-directora do Festival d’Avignon, Hortense Archambault; Jesús Cimarro, director do Festival Internacional de Teatro de Mérida; Francisco Martín Peñas, director de La Mar de Músicas; e Jonathan Mills, director e xefe executivo dun dos festivais máis importantes do mundo, o de Edimburgo.

Cando? Onde? Este venres 15 de novembro pola tarde e o sábado 16 todo o día no Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura, en Compostela. Nós, que non concibimos a vida sen festivais artísticos, estaremos alí para coñecer un pouco máis ese lugar ao que rara vez temos acceso: o backstage. Se non podemos ir a un festival esta fin de semana, falar sobre eles pode ser un bo substituto.

*Podes conseguir máis información sobre o III FIEC na súa web.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *