A vida de Adèle ou o cinema que amosa onde acontece a vida

A vida de Adele

Esta fin de semana estreouse ‘A vida de Adèle’, do director franco-tunecino Abdellatif Kechiche, que está baseada na novela gráfica francesa ‘Le Bleu est une couleur chaude’ [O azul é unha cor cálida], publicada por Julie Maroh en 2010, e que gañou a Palma de Ouro do último Festival de Cannes.

Gran parte desta historia cóntase a través do rostro e do corpo de Adèle. A cámara ponnos durante todo filme moi preto do seu corpo para amosarnos que a vida acontece sobre todo aí, máis aló do discurso social e, incluso, do discurso íntimo. Silenciosa e bafexante, dubidante, segura, erótica, sorrinte, con mocos e bágoas.

Adèle durme, corre ao instituto, escoita as clases de literatura, ten sexo cun rapaz pero soña que fai o amor cunha rapaza de cabelo azul coa que se cruza un día pola rúa. Chora, síntese soa, non comprende, pero segue o seu instinto. E así descubre o amor. E así comeza a historia.

Se poden resultar turbadoras para algunhas persoas as escenas de sexo (como para a muller que estaba sentada canda nós no cine e murmuraba a súa turbación ante esas imaxes), coido que é unha reacción posible entre outras e que vén de seu coa película. Porque precisamente o filme amosa de diferentes maneiras, e non só a través do sexo, a tensión que se dá ás veces entre os limitados e limitadores parámetros establecidos por unha certa vida social fronte á realidade da vida íntima, instintiva e emocional, radical e libre.

E iso é, na miña opinión, o máis interesante da película de Kechiche (que noutros aspectos me parece menos audaz e máis previsible): o feito de que logre transmitir, xunto coa vertixe da confusión e a desorientación amorosas e vitais, esa autenticidade física, esa plenitude da liberdade e da diversidade, dos sentidos e da conciencia.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *