Viaxar a Madeira, cool ou non?

Madeira

É Madeira un destino cool ou só é apto para xubilados? Esa é a pregunta que xorde cando un descobre que viaxar á illa pode custar menos de 80 euros (e o que é mellor, sen que Ryanair estea involucrado) desde Oporto.

Probablemente a pregunta non sexa a máis axeitada se concordamos (e o facemos) en que o importante ao viaxar é a actitude (máis incluso que o lugar), pero xa sabedes a que me refiro. E é que un ten escoitado varias veces iso de que Madeira é aburrido. Demasiado turístico. Que non pasa nada. Que toda a illa ten menos poboación que Vigo.

E se ben é certo que ten moitas zonas de mentira, hotel sobre hotel, piscina sobre piscina, o turismo non conseguiu acabar co encanto natural da illa, que impresiona só con dar unha rápida volta no coche. En Madeira hai montes galegos e montes neozelandeses, montañas verdes que emerxen xusto ao carón da costa, covas rochosas, o segundo maior acantilado sobre o mar do mundo, e ata un pouquiño de paisaxe volcánica digna de Marte. É unha delicia constante para os ollos. Máis aínda se decides camiñar por ela (hai rutas de sendeirismo para dar e tomar, onde os atléticos xubilados nórdicos te adiantarán, aviso).

Non ten, iso si, praias. Está claro que os galegos tendemos a decepcionarnos alá onde imos (é o que ten ter aquí a praia máis fermosa do mundo), pero non é só que sexan feas, é que apenas hai. Para compensar, ten unhas piscinas naturais feitas de pedras volcánicas onde entra a auga ao subir a marea.

Na capital, Funchal, atoparás o porto repleto de trasatlánticos e esa rúa do casco vello que hai en todas as cidades do mundo. Esa con restaurantes e homes na rúa invitándote a entrar no seu aínda que a simple vista pareza moi similar ao de o lado. Nesa mesma rúa, sen embargo, hai tamén un fantástico proxecto de rexeneración polo que moitas das portas, vellas, esfarrapada, sucias, foron utilizadas como lenzo por artistas locais (capitaneados por un madrileño).  É o proxecto Arte de portas abertas. Alí podemos gozar tamén de varias galerías de arte (algunha moi cool), ou unha tasca que reproduce un ultramarinos de principios do século XX.

Arte de portas abertas

Polo demais, trátase dunha cidade pequena pero moi acolledora, con espazos inesperados que lle dan carácter: pequenas terrazas cheas de vexetación, cafés vintage con doces e ciclos de cine ao aire libre ou museos polifacéticos. Máis alá da capital e máis alá da natureza atopamos xoias como un bar de praia con colectores de lixo e outros materiais reciclados ou unha galería de arte nunha casa colonial entre granxas, nunha aldea de menos de 1000 habitantes.

Eu xa teño veredicto. Madeira é moi molona sempre e cando te afastes de macrocomplexos hoteleiros. Es ti quen decide se para ti Madeira é a illa dun choni como Cristiano Ronaldo ou a dun poeta maldito como Herberto Helder.

Fotos vía | UrbanFragments e TuBillete

Shares

    1 comentario

    • Muy interesante reportaje, sobre todo lo del proyecto Portas abertas! es increíble que el ayuntamiento deje hacer cosas así, aquí en La Guardia no te dejan hacer nada…

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *