Bron/Broen: se os nórdicos son os reis do thriller por algo será

bron-broen

Comentabamos, semanas atrás, o alto nivel de calidade que está a amosar a ficción televisiva dos países nórdicos. A supremacía da HBO e a BBC está a ver como o norte de Europa comeza a recortar terreo con ficción de calidade. Un exemplo significativo disto é ‘Bron/Broen’, serie que xa se adaptou a Estados Unidos e Reino Unido-Francia. Mais non son os remakes o que nos interesa desta volta, senón o orixinal.

A serie dá inicio coa aparición dun cadáver na ponte que conecta Copenhague e Malmö (Dinamarca e Suecia). Ante isto, as policías dos respectivos países envían a cadanseu detective. A investigación suporá a colaboración dos dous países pero, especialmente, dos detectives Saga Noren e Martin Rohde. Mais este asasinato é só o comezo dunha serie de accións que o chamado “terrorista da verdade” levará a cabo entre os dous países intentando chamar a atención da sociedade sobre temas como a pobreza ou a brutalidade policial.

O peso da serie xira arredor destes dous detectives: Saga Norén (interpretada por unha fermosa Sofia Hellin) é unha detective sueca, planificadora e sincera que fará que (inevitablemente) acabes namorado dela… se es capaz de aturar o seu carácter. Martin Rohde (Kim Bodnia), danés, é máis tranquilo e relaxado. A parella é, sen dúbida, particular. Sobre todo se sumamos ao cóctel que Saga sofre de Asperger, algo que Martin non sabe. A química entre os dous personaxes/actores funciona á perfección oscilando nunha fina liña entre momentos cómicos e dramáticos.

No estilo, cómpre salientar unha certa similitude á que ten ‘Luther’ (BBC). Encadres amplos, localizacións espectaculares e reais e o uso de elementos xeográficos como transicións temporais. Se xa nos gustaba todo o nórdico, despois de ver Bron/Broen quereremos mudarnos alí canto antes sexa posible: é imposible non quedar embobado ante esas paisaxes cheas cubertas polo frío e a neve. Estilo ao que a música non será alleo, xa que o tema que acompaña á cabeceira da serie non podía ser outro que un post-rock. Neste caso, a cargo dun grupo non demasiado coñecido (ou ao menos para min) que resulta un fermoso descubrimento. Falo de Choir of Young Believers e, en concreto, da canción “Hollow Talk”.

Finalmente, salientar unha última característica. Esta coprodución danesa-sueca, non só ocorre entre os dous países senón que incorpora os dous idiomas á trama. A barreira do idioma convértese así nun elemento máis da historia. Por iso, é mellor pensalo dúas veces antes de dicir aquelo de “é que eu non vexo series para ler os subtítulos”, xa que a dobraxe fará que perdamos gran parte do encanto de Bron/Broen (ademais de que nin sequera estou seguro de se se chegou a dobrar…)

No norte está o futuro, iso está claro. Xa non só en calidade de vida, estilo, etc., senón tamén na ficción. Así que, se estades pensando en emigrar cara alá, nada mellor que empezar a practicar o idioma cunha das mellores series de ficción europeas.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *