Ourense enche o outono de teatro

FITOXa falamos moitas veces de que, malia non parecelo, o outono ten as súas vantaxes. Que bonitos son os paseos ao monte coas follas caídas. Que gusto que nos cines volvan pór boas películas. Que ganas de volver ao teatro.

Especialmente se estamos en Ourense, onde a partires desta fin de semana ten lugar o Festival Internacional de Teatro, que cumpre xa a súa sexta edición, e que encherá Ourense de bos plans de tarde/noite ata o 18 de outubro. É especialmente unha boa nova se temos en conta que este verán chegaran rumores de cancelación, pero Sarabela Teatro (os organizadores) e o concello de Ourense chegaron a un acordo, que se traduce neste evento con 18 obras de teatro diferentes.

O festival naceu hai 5 anos co obxectivo de facer de Ourense un punto de referencia para a escena internacional, sempre alternando grandes compañías de renome mundial, con outras aínda descoñecidas pero que paga a pena coñecer.

Nesta edición destaca a participación dun dos grandes nomes da escena europea, o coreógrafo danés Palle Granhøj, director da compañía Granhøj Dans, con ‘Men&Mahler’, un orixinal traballo que examina os roles masculinos arquetípicos. Tamén La Mona Ilustre, nova compañía chilena que presenta un fermoso traballo con obxectos inspirado no teatro oriental. E unhas das sorpresas da tempada, a obra ‘En construcción’, dirixida polo (ata agora) actor Tristán Ulloa  e que trata o tema da emigración dun xeito tenro, emotivo e divertido.

Entre as propostas nacionais atoparemos compañías galegas de longa traxectoria como Teatro do Atlántico ou  Chévere, xunto con Abrapalabra Creacións Escénicas, Matarile, Funboa Escénica,ou Ensalle Teatro.

Na páxina web do festival podemos ver a programación de todas as obras, que se sucederán entre o 5 e o 18 de outubro no Auditorio Municipal, no Teatro Principal e no Campus. As entradas custarán 8 euros (excepto no campus, que custarán 3) e poderanse mercar nos propios espazos desde o primeiro día de festival.

Unha festa de outono ineludible para todos os amantes do teatro (ou abertos a selo) de Ourense.

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *